Martes. 07.05.2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Brión, Pablo Lago asinaron un convenio polo que a entidade provincial achegará 150.000 euros para realizar as obras de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos. Un proxecto que conta cun orzamento de 540.346 euros, dos que a entidade provincial achega o 28%.

As obras consisten no mantemento do actual pavillón municipal, incluíndo un novo inmoble no seu lateral, cunha superficie de 648 metros cadrados e que será completamente accesible e eficiente. Un espazo que poderá ser empregado como sede de competicións deportivas ou para acoller actividades culturais e sociais.

Ademais, o novo inmoble servirá de apoio ao colexio e ao instituto, acollendo actividades extraescolares ou calquera outra que precisen. Un edificio sen ningún tipo de barreiras arquitectónicas que mestura unha estrutura de formigón de elementos prefabricados e unha metálica anexa.