Xoves. 25.04.2024

Borja Verea, candidato á Alcaldía polo Partido Popular de Santiago o vindeiro 28M, di que “por falta de ideas ou por medo aos seus socios de Goberno, o alcalde socialista presentou a súa gran proposta para este edificio, baixarlle o tellado ao inmoble”.

“En case 1.460 días, o Grupo socialista só tivo tempo para retirar un frigorífico situado na entrada do inmoble e deixar o edificio sen uso, todo isto por non levantar as iras dos seus socios” remarcou Verea.

O popular engade que “tras a idea peregrina ofrecida hoxe por Sánchez Bugallo, aos santiagueses só lles queda unha alternativa para que a Casa da Xuventude desapareza e isa non é outra que, a partir do 28 de maio, sexa o alcalde de Santiago, posto como anunciamos esta pasada fin de semana, o ano 2023 será no que este edificio sexa demolido, dando paso a un espazo verde e aberto cara o parque de Belvís”. M Verea salientou que “se son Alcalde de Santiago dinamizaremos a Praza do Matadoiro e conectaremos o parque de Belvís co Casco Histórico a través dunha ambiciosa rehabilitación de toda a contorna”. Para o candidato popular á Alcaldía “o derribo da Casa da Xuventude será unha oportunidade para poñer en valor os restos patrimoniais da praza e para actualizar o concepto de espazos pechados ás necesidades do século XXI”.

“Os votantes que confíen en min poden ter a certeza de que derribarei a Casa da Xuventude e poñeremos en valor a Praza do Matadoiro” apuntou Verea que ten como obxectivo “unha Compostela máis amable, máis humana e máis familiar” e “as necesidades da xente non son as mesmas hoxe que hai trinta ou cincuenta anos”, concluíu.