Xoves. 25.04.2024

Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, reafirmou que, se os santiagueses lle dan a súa a confianza o vindeiro domingo 28 de maio, comprométese a facer un estudo “serio e solvente co fin de construír un aparcamento debaixo da praza de Abastos, algo que merece Santiago e que outras cidades xa desfrutan baixo os seus mercados, pero que aquí a pouca ambición de quen nos goberna nos quere facer ver como imposible”.

Para o candidato popular, “a Praza de Abastos non necesita parches, necesita grandes investimentos que lle faciliten as cousas aos praceiros, pero tamén a todo o comercio do Casco Histórico”.

Explica Borja Verea “ que neste momento existen 60 casillas baleiras que tiñan que estar cheas e xerando riqueza todos os días do ano, traballando a tope, o resto son debates de parche e de política menor, nós apostamos por unha Praza de Abastos que volva a ser un auténtico referente para toda Compostela”.

Verea remarcou que “ na Praza de Abastos, todas as casillas baleiras supoñen case dúas naves completas do mercado e todos os praceiros coinciden en que que a situación é insostible, todo isto é consecuencia duns mandatos do Partido socialista en Santiago, nos últimos 30 ou 40 anos, que apostaron por centros comerciais, isto é unha realidade, un dato obxectivo, aí temos Cancelas e Costa Vella, que foron baleirando tanto o comercio do centro da cidade como da zona vella”.

“Nós poñemos sobre a mesa outro Santiago, outra Compostela que recupere a vida nas rúas, que aposte polo comercio no centro, e a Praza de Abastos é fundamental, o resto son debates de parche ante unha evidencia, a falta de grandes investimentos para salvar a nosa praza” engadiu.

Borja Verea apuntou que “o que queremos é que Santiago recupere a vida nas súas rúas, que as familias recuperen a cidade e os comercios volvan ao centro, non nos gustan as ringleiras de coches enchendo os centros comerciais mentres as nosas rúas están desertas”.