Sábado. 27.04.2024

A sociedade mercantil estatal de Augas das Concas de España (ACUAES), do Ministerio de Transición e Reto Demográfico, iniciou as obras da nova depuradora de Silvouta, no Concello de Santiago. O proxecto ten un orzamento estimado de 60 millóns de euros, IVE excluído, e un prazo de execución de 27,5 meses, polo que a depuradora estará en funcionamento a mediados de 2026.

Así pois, os traballos iniciados consisten no movemento de terras e explanación da parcela exterior da actual EDAR e o baleirado do pretratamento e decantación primaria.

A maiores, o consello de administración de ACUAES autorizou a sinatura dunha addenda ao convenio con Augas de Galicia e o Concello de Santiago, elevando a porcentaxe de financiamento dos fondos Next Generation da Unión Europea dende 65% ata o 80%. Con este aumento, redúcese a achega municipal, mentres que a Xunta de Galicia seguirá a financiar con 10,8 millóns de euros a EDAR.

DETALLES DA INFRAESTRUTURA

A nova depuradora tratará un caudal medio de 52.000 metros cúbicos ao día e estará conectada á rede de colectores existentes e a unha nova acometida eléctrica compatible coas necesidades enerxéticas da nova instalación, ademais dun subministro eléctrico de respaldo.

Xa que logo, a nova instalación contará cun tratamento primario e de auga de tormentas mediante decantación de ultrafiltración, que obtén un vertido con calidade superior á esixida para zona sensible. Para o tratamento dos lodos, inclúese a dixestión anaerobia con hidrólise térmica, que permitirá a xeración de enerxía para autoconsumo e o emprego na agricultura dos lodos deshidratados. A maiores, o sistema de desodorización de última xeración evitará o impacto negativo nos usos da contorna.

As obras, contratadas e dirixidas por ACUAES, permitirán solucionar os problemas de capacidade e obsolescencia técnica da actual depuradora, así como eliminar as verteduras contaminantes ao río Sar. Unha vez finalizada a intervención, o Concello de Santiago encargarase da explotación da EDAR de Silvouta.