Sábado. 27.04.2024

O Concello de Moeche investirá 66.838,52 euros no arranxo da pista que vai desde o cruzamento do lugar de Casabranca ata a estrada DP-4904. No tocante ao financiamento, o Plan Marco de Camiños convocado pola AGADER achegará 55.303 euros do importe total, mentres que o Concello de Moeche asumirá con fondos propios os 11.535 euros restantes, correspondentes aos gastos de redacción do proxecto, da dirección da obra e o IVE.

O treito obxecto da actuación ten 1.025 metros de lonxitude ao que se lle botará unha nova capa de rodaxe aglomerado tras limpar as gabias e tapar as fochancas. Con esta actuación, preténdese mellorar as condicións de drenaxe do solo e garantir a adherencia e regularidade da capa de pavimento. Ademais, a pista de Casabranca manterá un ancho medio de 4,75 metros, ampliándose ata os 5,5 metros preto da incorporación á estrada provincial.

A maiores, o proxecto deseñado polo Concello de Moeche inclúe o acondicionamento dos accesos aos predios lindantes e tamén a sinalización horizontal. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, sinalou que a actuación mellorará a seguridade viaria, ampliando a adherencia e reducindo as distancias de freado; para engadir que o investimento é elevado, pero “evitaranos ter que acometer novas reparacións a curto ou medio prazo”.