Sábado. 27.04.2024

O Partido Popular de Santiago propuxo  a creación dunha aplicación para fortalecer a relación entre o comercio local e os consumidores, especialmente coa mocidade, e que sirva como escaparate para a promoción de produtos e eventos. Así, a concelleira popular Olaya Otero fixo fincapé na necesidade de apoiar aos negocios locais, adaptándose á realidade comercial. “Esta aplicación debe contar co apoio da administración local, que ten que liderar a transformación do desafío dixital, creando unha oportunidade que facilite a convivencia entre as compras físicas e as compras en liña”, explicou a edil.

Neste sentido, a Praza de Abastos conta cunha plataforma común a todos os praceiros, un Commarket que ofrece a posibilidade de realizar venda online dos produtos. Así pois, a aplicación proposta polo grupo popular seguiría a mesma liña.

A concelleira popular remarcou o cambio nos hábitos de consumo a raíz da pandemia, dando máis peso ás vendas a través de Internet. Xa que logo, esta aplicación sería unha ferramenta para favorecer que os negocios de proximidade se adapten ao contexto dixital co apoio da administración local.