Sábado. 27.04.2024

O Concello de Ferrol aprobou as bases reguladoras para que as asociacións veciñais podan solicitar subvencións para o vixente exercicio de 2024. Así o comunicou Javier Díaz, tenente alcalde e concelleiro de Participación. “Era un compromiso deste goberno telas listas no primeiro trimestre do 2024 e así o cumprimos, atendendo ás demandas das asociacións veciñais”, explicou.

Así pois, o crédito orzamentario municipal asignado ascende aos 115.000 euros, divididos en 85.000 euros para a liña 1 e 30.000 para a liña 2. Neste sentido, a primeira liña está destinada a actividades e programas de interese xeral que favorezan a dinamización veciñal nos barrios e parroquias, mentres que a segunda liña adicarase a gastos ordinarios de funcionamento necesarios para o cumprimento dos fins propios das entidades veciñais.

Así mesmo, o edil confirmou que o importe total da subvención da liña 1 non poderá superar o límite máximo de 8.000 euros e só poderán solicitar axuda para a liña 2 aquelas entidades que opten á liña 1.

Como novidade este ano, realizarase o pagamento anticipado do 60% do importe concedido, que suporá a entrega de fondos con carácter previo á xustificación; e o  40% restante tras a xustificación total da subvención.

O Concello de Ferrol fixo fincapé no seu compromiso coas entidades veciñais como motores da participación cidadá, ademais de impulsores das relacións humanas e sociais. Por ende, a administración local destinará “importantes recursos económicos” para apoiar ás asociacións veciñais, federacións e agrupacións relacionadas para garantir a súa consolidación e funcionamento.