Sábado. 27.04.2024

O BNG mostra o rexeitamento ao proxecto “fraudulento e pernicioso de Altri” e anuncia “unha ofensiva en todas as institucións onde ten presenza a organización nacionalista”.

O nacionalista Néstor Rego visitou Melide e estivo acompañado por membros nacionalistas dos concellos das Comarcas para ofrecer ao público cal é a posición do BNG en canto ao proxecto de Altri. Rego estivo acompañado de Iria Carreira, deputada no Parlamento de Galiciaa; e Denís Bermúdez, responsable comarcal do BNG, xunto cos alcaldes de Santiso, Arzúa e Toques, así como do tenente de alcalde de Melide e outros representantes orgánicos e institucionais da formación.

“Fronte a este modelo contaminante e depredador, o BNG aposta por un modelo alternativo que impulse os sectores estratéxicos e garanta unha industrialización racional apoiada en criterios de sustentabilidade. No concreto, o BNG reclamará ao Goberno do Estado toda a información da tramitación para a adquisición de fondos e créditos europeos e coñecer se o executivo estatal está disposto a que este proxecto se poida asentar na Galiza con fondos públicos a pesar de incumprir todos os requisitos do Mecanismo de Reconstrución e Resiliencia para a obtención dos fondos europeos”, apuntou Rego.

O BNG mostra o rexeitamento ao proxecto de Altri e alerta das graves consecuencias que terá para a Galicia. “Suporá a destrución do sector agrogandeiro nas comarcas afectadas, suporá a destrución do río Ulla e que mesmo terá graves consecuencias a quilómetros destas comarcas como a Ría de Arousa, véndose afectado un sector tan importante como o marisqueiro” subliña.

“Frente a este modelo, o BNG entende que existe outro modelo de facer as cousas. Alternativas que poñan no centro o desenvolvemento socioeconómico das comarcas da Ulloa, Terras de Melide, de Arzúa” afirma Iria Carreira. Neste sentido, a deputada anuncia que o BNG levará ao Parlamento, alén da denuncia e o posicionamento contrario a este proxecto de Altri, propostas alternativas como “plans de dinamización socioeconómica para estas comarcas” onde se aposte polos sectores estratéxicos e a creación de postos de traballo de calidade: “desenvolvemento do sector agrogandeiro, un plan integral para a mellora integral da calidade auga, a rexeneración e reactivación da Ría de Arousa”.