Sábado. 27.04.2024

O informe de Intervención avala que o Concello de Ferol cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria e executou  o 66% do orzamento de 2023. Así o indicou a concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, no pleno da liquidación do presuposto do pasado ano. “Unha vez finalizado o exercicio damos conta da liquidación do orzamento, un orzamento que fixo este Goberno porque non había ningún feito desde o ano 2021”, manifestou a edil.

Entre outros datos da liquidación, a concelleira de Facenda destacou que “o gasto computable consolidado do Concello de Ferrol foi de 66 millóns de euros no exercicio 2023, fronte a 62,8 millóns de gasto computable no ano 2022”. Ademais, apuntou que “o resultado orzamentario é de 7,6 millóns, unha cifra foi favorable ao Concello”.

Así pois, o remanente de Tesourería é de 10,1 millóns de euros, moi superior ao do 2022, que quedou nos 6,3 millóns. “Isto permitiranos contar cun financiamento importante para poder realizar suplementos de crédito para proxectos existentes ou gastos necesarios”, avanzou Sanjurjo, engadindo que tamén permitirá crear créditos extraordinarios para novas inversións ou financiamento de gastos non previstos nos orzamentos de 2024.

Este aumento do remanente vén derivado, entre outros motivos, polo incremento de fondos líquidos, xa que entraron subvencións que estaban pendentes, como o Consorcio de bombeiros, pendente desde o ano 2018. Ademais, realizouse unha importante tarefa de depuración de saldos, procedentes de obrigacións pendentes de pago. “Este foi un labor importante, porque non se depuraban saldos desde hai cinco anos”, afirmou a titular de Facenda.

En canto á porcentaxe de execución, a concelleira recordou que “este Goberno chegou á metade do exercicio e tivo que enfrontarse a sacar adiante un anexo de inversións que viña do ano 2021”. A edil sinalou que “nos atopamos, ademais, obras e inversións subvencionadas con fondos europeos, cuxo prazo de xustificación e pago estaba a punto de acabar como, por exemplo, os financiamentos de fondos europeos da Edusi”.

Sanjurjo concluíu a exposición afirmando que “aumentou a porcentaxe de execución con respecto ao exercicio anterior tanto nos ingresos (15%) como nos gastos (4%), aumentou tamén o remanente de Tesourería e reducíronse as obrigacións pendentes de pago en máis de dous millóns de euros”.