Sábado. 27.04.2024

O Concello de Teo investiu preto de 200.000 euros na reurbanización da aldea de Socastro, na parroquia de San Xoán de Calo, onde se renovaron as rúas interiores e a rede de saneamento. A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, visitou o lugar acompañada do arquitecto municipal para supervisar o resultado da intervención, financiada con cargo ao POS+ 2021.

Máis en detalle, as obras consistiron na pavimentación das pistas interiores da aldea con formigón cun acabado superficial rugoso e delimitado en varios tramos cunhas franxas transversais de lastras. No caso das pistas máis distantes do núcleo, foron pavimentadas cunha mestura bituminosa en quente. Con estas actuacións melloráronse os accesos ao lugar, a seguridade viaria, a accesibilidade e a comodidade da veciñanza, xa que as vías estaban deterioradas por mor do desgaste derivado do tráfico e a meteoroloxía.

A maiores, procedeuse a completar a rede de abastecemento de auga potable e a de augas residuais, garantindo o servizo a todas as vivendas e solares vacantes de edificación. Con esta actuación, renovouse practicamente toda a rede de saneamento de augas pluviais e instalouse a infraestrutura precisa para dotar de iluminación pública cunha rede de subministro totalmente soterrada.