Sábado. 27.04.2024

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, mantivo unha xuntanza co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, onde lle solicitou que se mellore a deficiente seguridade viaria en diversas estradas de titularidade provincial. Neste senso, a rexedora municipal trasladoulle que as estradas que pasan polo concello de Teo están en moi mal estado, non só polo tráfico e as inclemencias meteorolóxicas, senón tamén pola falta de investimento no seu mantemento. Unha cuestión que “cómpre remediar polo ben de toda a poboación”, matizou a rexedora.

Máis concretamente, segundo expuxo a alcaldesa, na estrada DP-8205 entre Ramallosa e Casalonga, “é máis que necesario unha mellora da seguridade viaria e mellora do firme, ademais de sinalización por ser paso de nenos e nenas que van á parada de autobús”. Así mesmo, indicou a urxencia de acondicionar a ponte do Rego de Sestelo, reforzando a súa estrutura e seguridade.

Outro dos arranxos solicitados por Calvo de la Uz á Deputación é o da DP-8201, co firme deteriorado polo elevado tránsito de vehículos e con insuficiente sinalización vertical e horizontal.

MELLORA DA DP-8202

Durante a xuntanza, os dirixentes local e provincial analizaron o proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial DP-8202 en Cacheiras. Co proceso de licitación próximo á súa finalización, está previsto formalizar o contrato para a execución en abril.

A ampliación e mellora da DP-8202 conta cun importe de licitación de 561.215,62 euros e un prazo de execución é de 8 meses. As obras consistirán na creación dunha nova plataforma para a variante, do punto quilométrico 3+50 ao 4+040, e na mellora da actual onde o trazado coincide. Así, evitarase o paso da maior parte do tráfico polo núcleo da Igrexa, mellorando amplamente a seguridade viaria. Xa que logo, acadarase un ancho de 9 metros, 7 de calzada e 2 de beiravías. Para rematar a actuación, procederase á sinalización horizontal con pintura branca reflexiva e a vertical con sinais reflexivos. A maiores, colocaranse barreiras de seguridade nos terrapléns de altura superior a 3 metros.