Sábado. 27.04.2024

O pleno da corporación do Pino acordou por unanimidade prorrogar por unha anualidade o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nos mesmos termos nos que foi adxudicado o ano pasado. Así pois, a empresa O Espertar Servicios Sociales SL seguirá prestando o servizo por un montante de 486.812 euros para 21.898 horas de atención ao ano.

O alcalde, Manuel Taboada, explicou que a Xunta de Galicia concedeulle ao Concello do Pino outras 1.300 horas para o SAF. “Agora teremos que analizar se se pode facer unha ampliación do contrato, para incorporar, a maiores, estas horas de atención”.

No contrato que se acaba de prorrogar, os prezos establecidos pola empresa adxudicataria, IVE incluído, en dependencia de días hábiles e sábado é de 20,28 euros; domingos e festivos, 20,80 euros; e libre concorrencia, 21,45 euros.

A maiores, na sesión plenaria tamén se deu conta da liquidación do orzamento municipal correspondente ao exercicio 2023, que deixou un remanente positivo de tesourería de 774.302,16 euros.

Finalmente, o pleno tamén aprobou por unanimidade propoñer unha modificación do PXOM para cualificar unha parcela na parroquia de Arca como solo urbano consolidado, dando así cumprimento a unha sentencia do TSXG, que estimou o recurso presentado pola propietaria de dita parcela.