Sábado. 27.04.2024

A veciñanza de Curtis poderá desfrutar a partir deste verán da primeira fase da mellora integral da travesía de Teixeiro, grazas ao investimento da Xunta de Galicia de 1,3 millóns de euros. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou o municipio para supervisar o avance das actuacións que se están a acometer na estrada AC-231, que xa leva case a metade executada, incluídos os traballos máis complexos.

A intervención, que comezou o pasado verán, desenvólvese ao longo de case 1 quilómetro de lonxitude en dúas zonas diferenciadas: na propia estrada AC-231 e no camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica.  Así pois, xa se acometeron a rede de pluviais e de saneamento, excepto un pequeno en contacto coa glorieta da N-634, a terceira parte das instalacións de servizos e unha terceira parte do pavimento das beirarrúas. Actualmente estanse a executar as instalacións de servizos e o firme das beirarrúas. A continuación, restarán só os traballos de estendido do firme na estrada, a colocación de mobiliario urbano e a sinalización vertical e horizontal.

Con estas actuacións resolverase a problemática de estabilidade na travesía debido ás deficiencias na rede de drenaxe, que provocaba afundimentos periódicos do firme da calzada. Ademais, o proxecto prevé a canalización da rede de servizos de iluminación, telecomunicacións e electricidade, permitindo prescindir dos tendidos aéreos e mellorar a estética.

Finalmente, tamén se acondicionará o camiño do Centro Etnográfico, nun treito de preto de 500 metros. Neste caso, mellorarase o aparcadoiro, co fresado e disposición dunha nova capa de firme, e renovaranse as instalacións de pluviais ata conectar co colector existente.