Sábado. 27.04.2024

O Concello de Ferrol e a Delegación do Goberno central abordaron a ordenación do tráfico durante as obras de humanización da avenida das Pías nunha reunión entre o alcalde de Ferrol, José Manuel Tey Varela, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. Así pois, o rexedor insistiu na importancia de que os traballos causen os menores prexuízos posibles á cidadanía, que se manteña a comunicación entre os barrios e se cumpran os prazos establecidos.

Neste sentido, a administración local rexeitou a proposta estatal de cortar o tráfico na rúa Nova de Caranza para a demolición do paso elevado das Pías, que suporía o illamento dos barrios de Ultramar, O Bertón, Recimil, Esteiro e Caranza. Finalmente, o Concello de Ferrol, o Ministerio de Transportes e a Delegación de Goberno presentaron alternativas consensuadas para o tráfico rodado.

Xa que logo, o xefe de Demarcación de Estradas, Ángel González, informou de que se manterá en todo momento o acceso peonil nas rúas Nova de Caranza, estrada da Trincheira e avenida Marqués de Santa Cruz, mantendo o tráfico rodado sempre operativo en dúas das tres vías mencionadas.

O itinerario de desvíos actual, co corte total da FE-14 e Marqués de Santa Cruz, manterá en servizo a rúa Nova de Caranza e a FE-11 mediante o bypass. Na segunda quincena do mes de abril, segundo as previsións do Ministerio, porase en servizo Marqués de Santa Cruz, conectando Caranza co Bertón e a FE-13, momento no que se cortará a FE-11.  A finais de xuño estableceranse os desvíos que estarán operativos durante o verán, polo que estarán en servizo a Trincheira e Marqués de Santa Cruz, e habilitarase un bypass para peóns adxacente á rúa Nova de Caranza, a glorieta da FE-14 e FE-11.

Durante o encontro, o alcalde de Ferro trasladoulle ao delegado do Goberno central outros asuntos de vital interese para o municipio, como a modernización da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña e o bypass de Betanzos, o desenvolvemento do estaleiro 4.0 ou a estación intermodal, así como a rexeneración da ría.