Venres. 03.05.2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, visitou as obras do Centro de Prontoterapia de Galicia, na cidade de Santiago de Compostela, e situouno “á vangarda no tratamento contra o cancro”.  Durante a visita ás obras, Rueda resaltou que Galicia “será a primeira en ofrecer servizo aos pacientes da comunidade e doutras autonomías como Asturias e Castela e León”.

Así pois, os traballos para a posta en marcha desta nova infraestrutura arrancaron o pasado xaneiro coa habilitación dun novo aparcadoiro para os profesionais do Hospital Clínico Universitario de Santiago, e os traballos previos para os accesos necesarios; pero o presidente da Xunta acudiu a supervisar o inicio das tarefas de escavación e cimentación do novo edificio.

A previsión, tal e como explicou o presidente, “é que a mediados de 2026 xa se estea tratando a pacientes”. As obras estruturais, ás que se destinan 19,8 millóns de euros, vanse estender durante 15 meses. A continuación farán falta varios meses para levar a cabo a instalación e reaxuste dos equipos de protonterapia. Neste senso, Rueda insistiu na importancia da “rápida evolución das obras, sempre en beneficio das familias e dos doentes que reciban o tratamento, e dos aparellos de última tecnoloxía”.

UNHA RADIOLOXÍA “MÁIS PRECISA, SEGURA E EFICAZ”

Galicia vai recibir un dos dez equipos financiados pola Fundación Amancio Ortega ao Sistema Nacional de Saúde co obxectivo de promover a creación de centros específicos para este tratamento de última xeración en toda España.  Durante a súa intervención, Rueda salientou que a protonterapia é unha radioloxía “máis precisa, segura e eficaz” que a convencional, o que permite tratar tumores de difícil acceso, “acurtar os tempos de tratamento e reducir os efectos secundarios”.

Trátase dunha terapia indicada especialmente para determinados tipos de tumores pediátricos, que reduce de xeito significativo os tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia convencional é menos efectiva e a cirurxía non é unha opción.

CARACTERÍSTICAS DO NOVO CENTRO

O futuro Centro de Protonterapia de Galicia, que estará situado nas inmediacións do CHUS, vaise estruturar en dous niveis e disporá de tres zonas diferenciadas. En primeiro lugar, un espazo preparado para albergar dous equipos de protonterapia; en segundo lugar, outra zona destinada ao diagnóstico por imaxe; e, finalmente, unha terceira área para consultas, salas de espera e espazos para a investigación. En total, o edificio contará con máis de 3.600 metros cadrados que chegarán aos 6.000 contando os espazos exteriores.

Por último, Rueda resaltou a aposta da Xunta por facer de Galicia un referente na abordaxe de patoloxías coma o cancro desde o diagnóstico ata o tratamento. Nesta liña, insistiu na importancia de  “ser pioneiros en tratamentos oncolóxicos, tanto en prevención, a través dos cribados, como tratamentos para os que xa contan cun diagnóstico da enfermidade”. Ademais, destacou a aposta por ofrecer os tratamentos máis innovadores e por deseñar fármacos desde Galicia, o que poderá facerse este mesmo ano a través do novo centro de medicamentos CAR-T que abrirá as súas portas en Santiago. O apoio das administracións, explicou, é imprescindible para estar a tempo e cos mellores tratamentos. Por iso, “seguiremos desenvolvendo unha Sanidade de calidade. Galicia estará á cabeza en menos de dous anos nun tratamento pioneiro”,finalizou o presidente da Xunta.