Sábado. 04.05.2024

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible adxudicou por 4,4 millóns de euros, IVE engadido, as obras de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro. Así pois, o obxectivo é adecuar a vía ao paso de peóns e ciclistas e dotar dun carácter urbano aos 1,52 quilómetros do treito.

A actuación proxectada afectará aos puntos entre o quilómetro 67,075 e 68,600, cun trazado paralelo á AP-9, con marcado carácter urbano ao seu paso polo Milladoiro. Neste sentido, cómpre calmar o tráfico e adaptar as infraestruturas aos usuarios, mellorando a mobilidade e garantindo a seguridade da travesía.

Para logralo, están previstas unha serie de actuacións, que pasan pola redución da velocidade do tráfico, a ordenación dos usos da vía e a redución dun carril de circulación ao tráfico rodado por cada un dos sentidos cunha anchura de 3,5 metros. Así mesmo, proxéctase a construción dunha mediana axardinada de 3,3 metros de ancho entre as rúas do Rego e Cartas e de 2 metros no resto da travesía. A maiores, crearase un carril ciclista de dobre sentido cunha anchura de 2,5 metros, separado da calzada e das beirarrúas.

No tocante á seguridade peonil, ampliarase a sección útil das beirarrúas ata un mínimo de 4 metros de anchura para garantir a accesibilidade. A maiores, crearanse zonas para viandantes, carga e descarga e aparcadoiros reservados.

Ademais, está prevista a execución dunha glorieta na intersección da rúa Figueiras e Curcuxa e unha calzada anular xiratoria na intersección coa rúa Castelao e Magdalena, permitindo o xiro á esquerda do autobús. A maiores, reordenaranse cruces e accesos e estipularanse cambios de sentido.

A maiores, prevese a demolición da pasarela peonil sobre a N-550, de titularidade ministerial, e substituirase por un paso de peóns con semáforo e premedor, que tamén se habilitarán ao longo da travesía.

Xa que logo, está proxectado o fresado completo do pavimento de rodaxe da estrada e os aparcadoiros e a extensión de mestura bituminosa en quente. Finalmente, reporanse as canalizacións, arquetas e pozos de rexistro afectados polas obras ou en mal estado; ademais de renovarse o alumeado público, os ámbitos das paradas de autobús e establecerse zonas verdes e de desfrute para a veciñanza.

Esta intervención financiarse con cargo ao programa de mellora de entornas urbanas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do fondo NextGenerationEU e, unha vez finalizada, o Ministerio cederá o treito ao Concello de Ames.