Mércores. 01.05.2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, mantiveron unha reunión para abordar o estado das obras de estradas provinciais no municipio e as necesidades do Concello de Brión no ámbito da mellora da seguridade viaria.

Neste sentido, o rexedor brionés salientou a importancia do investimento no primeiro tramo da estrada DP-1301, á altura da aldea de Liñares, incidindo na necesidade de mellorar a cuneta dereita da vía e anchear o tramo dende Liñares a Gronzo, por ser unha estrada moi transitada con moitas curvas e moi estreita.

Pola outra banda, os representantes provincial e local abordaron a a posibilidade de acometer distintas melloras na seguridade viaria das dúas estradas de titularidade provincial no municipio, a DP-1301 e a DP-1302.

Máis en detalle, o rexedor solicitou a construción dunha senda peonil en Mourentáns, na DP-1301, onde a Deputación da Coruña se encargaría da redacción do proxecto e da súa execución, mentres que o Concello de Brión negociaría coa veciñanza a cesión dos terreos precisos para a execución das obras. Neste sentido, Lago agradeceu a predisposición da veciñanza, “conscientes da necesidade destas obras”.

A maiores, o alcalde brionés solicitou continuar coas obras de mellora da seguridade na DP-1301, valorando a ampliación da Ponte de Nináns e o ancheamento do tramo entre esta ponte e o cruce de Vilar, xa que é un tramo moi estreito que quedou entre os dous ancheamentos realizados nos últimos anos.