Luns. 29.04.2024

A Hospedería de San Martín Pinario acolleu o pasado 12 de abril a segunda edición do Encontro de Empresarios Católicos, impulsado polo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, e no que participaron máis de 200 directivos e profesionais que reafirmaron o seu compromiso coa ética, a sustentabilidade e o ben común, durante dúas xornadas de ponencias nas que a Intelixencia Artificial (IA) estivo moi presente. 

O acto inaugural deste segundo  encontro contou, entre outros, coa participación do nuncio do Papa en España, Bernardito Auza; do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; así como os responsables da Conferencia Episcopal Española (CEE), Luis Argüello, e da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi.

O arcebispo de Santiago e impulsor do encontro, monseñor Francisco Prieto, sinalou na súa intervención que “a empresa é un factor de cohesión social, xeradora de emprego, que está a ser motor da sociedade” e indicou que “a ética, a sustentabilidade e o ben común son piares nos que todos podemos sumar e achegar”. Monseñor Prieto lembrou que nestes tempos, “a IA, ante a cal temos quizais excesivos medos, convértese nun desafío, e está necesitada de regulación ética”. 

Unha idea na que incidiu o nuncio do Papa en España, Bernardito Auza, convocando aos participantes a “considerar o servizo ético da IA. Non existe unha valoración inequívoca sobre o concepto de Intelixencia Artificial, pero é necesario tomar en serio o estudo da IA, a súa expansión e as implicacións éticas para o seu uso e desenvolvemento”.

Alfonso Rueda, centro, cos representantes dos empresarios, do Arcebispado e da Conferencia Episcopal
Alfonso Rueda, centro, cos representantes dos empresarios, do Arcebispado e da Conferencia Episcopal

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o papel dos empresarios como “persoas comprometidas” e inicidíu en que a Administración “aposta por eles, porque calquera gobernante que queira que o seu país progrese debe ter unha boa relación con quen move a economía”. Na mesma liña, o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, lembrou que “non hai boa economía sen bos empresarios. O impulso e o dinamismo empresarial son o mellor catalizador do progreso dun país, da apertura de oportunidades e do sostemento de benestar do conxunto da sociedade”, e resaltou a importancia duns “valores que poñan no centro da actividade empresarial ás persoas”.