Luns. 29.04.2024

Un milleiro de persoas reuníronse na soleada mañá de onte en San Domingos de Bonaval, na cidade de Santiago de Compostela, para o acto de toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia. O sexto presidente da administración autonómica dende o Estatuto de Autonomía de Galicia e presidente do Partido Popular galego agradeceu a presencia de figuras políticas, institucionais e representantes da sociedade civil galega e doutros territorios, nun discurso marcado pola emotividade e o compromiso con Galicia e a constitucionalidade.

O goberno de España estaba representado polo ministro Oscar Puente e pola secretaria do Estado de Migracións, Pilar Cancela

Discurso de Alfonso Rueda

Foto Mónica Montero

Rueda realizou a súa entrada no acto ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia interpretada pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, xunto a Óscar Puente, ministro de Transportes en representación do Goberno central, e Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia. Tras o agradecemento pola súa presenza a todas as persoas e representantes de institucións e entidades, iniciou o seu discurso citando aos seus predecesores no título, os presidentes Albor, González Laxe, Fraga, Touriño e Feijóo. A continuación lembrou as relevantes figuras galegas, como Rosalía de Castro, Castelao, Cabanillas ou Asorey, que descansan eternamente a escasos metros do lugar do evento, no Panteón de Galegos Ilustres.

Coa humildade dun galego que ama a súa terra”, Rueda asumiu “o encargo que me fai o pobo galego a través do Parlamento para aportar o meu modesto aporte a esta nobre causa”. Así, “con responsabilidade e ilusión”, comprometeuse ao servizo público e a “facer ben as cousas, gobernando con todos e para todos, sendo honesto e perseverante”. Neste sentido, o presidente da Xunta de Galicia salientou o “respaldo do meu pobo manifestado hai pouco tempo nas urnas”, e pediu perdón por anticipado polos posibles erros que poida cometer no seu mandato.

Alfonso Rueda acompañado polo Presidente do Parlamento e o ministro Oscar Puente
Foto Mónica Montero

Con gran emoción, lembrou o esforzo de todos os galegos e galegas na loita pola autonomía, “o que parecía un anhelo irrealizable, un futuro propio para Galicia”, baseado no diálogo “por riba de calquera diferenza ideolóxica”. A continuación, Rueda dirixiuse en castelán aos representantes doutras comunidades autónomas, como os presidentes de Murcia, Asturias, Aragón ou Castela e León; agradecendo a súa presencia e reivindicando o compromiso para traballar en conxunto.

Tras recoñecer a Galicia como unha terra de acollida, “que loita polo que merece dentro das regras do xogo, esixindo que se respecten”, explicou que aspira a chegar a acordos cos deputados da oposición, convencido de que “en Galicia cabemos todos”; e coa firmeza de que traballará para lograr o mellor para o territorio grazas ao apoio do seu Goberno.

Para rematar, Rueda tomou posesión como presidente da Xunta, “o primeiro servidor de Galicia, de todos vós”, mencionando e agradecendo o apoio da súa familia.

O punto final do acto de toma de posesión, ao ritmo da interpretación do himno galego por parte da cantante Fátima Pego.

O inicio da toma de posesión consistiu nunha ofrenda floral ante o Panteón de Galegos Ilustres, acompañado por Fernando González Laxe, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijóo como predecesores no cargo referendado tras as eleccións autonómicas do 18-F.