Luns. 29.04.2024

Un día despois de xurar o cargo como presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela asinou hoxe o decreto de nomeamento dos membros do Executivo. Trátase dun equipo formado por doce consellerías, unha máis que na anterior lexislatura, e tres novas caras. Ademais, fronte as dúas vicepresidencias existentes nas últimas lexislaturas, o novo goberno autonómico non terá vicepresidencias.

Así pois, nesta nova etapa Rueda reafirma a súa confianza en gran parte dos conselleiros e conselleiras. Máis en detalle, Diego Calvo mantén a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; Ángeles Vázquez seguirá sendo a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático; Román Rodríguez, permanece coa carteira de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; María Jesús Lorenzana reitera na Consellea de Economía e Industria; Miguel Corgos mantén Facenda e Administración Pública; Fabiola García seguirá como conselleira de Política Social e Igualdade e Alfonso Villares conserva a Consellería do Mar.

No tocante ás novas incorporacións e cambios, José González, ata agora conselleiro de Medio Rural, pasa a ser o titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Así, María José Gómez Rodríguez, exalcaldesa de Guntín e senadora, recolle a responsabilidade da Consellería de Medio Rural. A maiores, María Martínez Allegue, xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra e deputada, liderará Vivenda e Planificación das Infraestruturas. En canto á Consellería de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, actual xefe do servizo de Oncoloxía Radioterápica do CHUS, estará á fronte da mesma. Para rematar, José López Campos, alcalde da Estrada, será o titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Pola súa banda, ademais das catro novas incorporacións ao equipo executivo autonómico, causan baixa Julio García Comesaña, abandonando a Consellería de Sanidade, e Elena Rivo, deixando as competencias de Emprego, Comercio e Emigración.

Outra das novidades é a división en dúas consellerías as áreas de Educación e Cultura. Así pois, a executiva galega contará coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, con Román Rodríguez á cabeza; e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, nunha aposta pola política lingüística, baixo o liderado de José López Campos.

Por mor da reorganización, Diego Calvo e Ángeles Vázquez deixan de ser vicepresidentes, pero Calvo mantén a Consellería de Presidencia e Vázquez incorpora a área de Cambio Climático, un dos grandes desafíos actuais. Seguindo os reaxustes de competencias, Fabiola García asume na Consellería de Política Social a área de Igualdade