Martes. 30.04.2024

 

"Esta é a xusta recompensa e o recoñecemento ao esforzo realizado por parte da veciñanza de Lestedo durante máis de catro décadas", asegurou Xosé Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, tras recibir o Concello de Boqueixón a resolución favorable da Secretaría de Estado de Turismo que declara de Interese Turístico Nacional (FINT) a Festa da Filloa de Lestedo, que segue a medrar e que este ano bateu todas as marcas, repartindo máis de 100.000 filloas, nun día que coincidiu coa xornada electoral das eleccións galegas.

“Agardamos que esta declaración sirva para ampliar as actividades promocionais e divulgativas en torno á Filloa de Lestedo, levándoa a distintos puntos da xeografía española”, engadiu Canabal que anunciou a boa nova xunto ao alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro. O rexedor destacou que "esta distinción ábrenos as portas á proxección da Festa da Filloa de Lestedo alén das nosas fronteiras, poñendo en valor a nosa tradición, a nosa cultura e o bo facer da veciñanza", e incidiu en que dende o Concello "traballaremos arreo para promocionar as filloas de Lestedo e para engrandecer esta exaltación gastronómica que xa leva o nome de Boqueixón por todo o país.

A máquina fiolleira a pleno rendemento na edición 2024 da Festa da Filloa de Lestedo
A máquina fiolleira durante a última edición da Festa da Filloa que repartiu máis de 100.000 unidades

Para a delcaración como FINT, a Asociación, coa axuda do Concello, acreditou, a través dunha completa memoria, o cumprimento de todos os requisitos esixibles pola Secretaría de Estado para acadar este recoñecemento. Entre eles, atópase a moción de apoio da Corporación municipal, que saíu adiante pola unanimidade do Pleno, e o informe favorable e de apoio á candidatura emitido pola Axencia de Turismo de Galicia. Neste sentido, tanto o Concello como a Asociación Cultural da Filloa, promotora da solicitude, agradeceron "a colaboración e implicación do organismo da Xunta, que aportou o pulo necesario para acadar a resolución favorable".  

Ademais, na memoria técnica acreditáronse tanto a orixe da celebración, no ano 1984, o arraigo cultural, a implicación veciñal, así como datos sobre a colaboración establecida con diferentes entidades tanto locais como supramunicipais e doutra índole. Unhas sinerxías que contribuíron a engrandecer a celebración e a ampliar a súa programación. Tamén se incluiron, entre outra información, o medio cento de impactos nos medios de comunicación que tivo a edición deste ano da Festa da Filloa.

O Concello de Boqueixón e a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo indicaron que prevén organizar, sin data aínda establecida, a celebración desta declaración cun acto que servirá tamén para realizar unha “xusta homenaxe a todas as persoas, organizacións, entidades e empresas colaboradoras” que permitiron co seu traballo e esforzo que a festa sexa declarada de Interese Turístico Nacional. 

 

 

 

 

A Festa da Filloa de Lestedo recoñecida como de Interese Turístico Nacional