Sábado. 27.04.2024

“Por primeira vez superamos por bastante as 100.000 filloas repartidas, a metade hoxe domingo e o resto durante as diferentes actividades que vimos organizando neste último mes”, asegurou José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa ao remate da XLI Festa da Filloa de Lestedo, nunha xornada final que coincidiu coas eleccións á Xunta, o que non afectou ás máquinas fiolleiras que traballaron a pleno rendemento durante todo o día.

Nesta nova edición da festa, ademais das dúas máquinas fiolleiras houbo que engadir as filloas á pedra feitas nun stand no campo da feira, un posto de filloas recheas e, por primeira vez, repartíronse filloas sen glute no local social de Lestedo.

Ás 12:00 horas foi a quenda da oitava edición do Desfile dos Xenerais da Ulla que iniciou o seu percorrido no Hotel Restaurante Vía da Prata cara o campo da festa, precedidos polo grupo de gaitas  da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio e pola comitiva  de autoridades, encabezada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e polo presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, e o pregoeiro Xavier Olleros, entre outros. 

No desfile participaron un total de medio cento de Correos, Xenerales e Xeneralas da Ulla dos concellos de Touro, O Pino, Santiago, A Estrada, Vedra, Teo e Boqueixón.

Tras o pregón, que por primeira vez foi impartido en lingua de signos grazas á colaboración da Asociación de Persoas Xordas de Santiago (APSSC), chegou a imposición dos tres Mandís de Honra da Filloa: Javier Olleros, Adolfo Gacio Vázquez, ex alcalde de Boqueixón, e Nuria Colmenero, responsable de Seguridade Alimentaria da Asociación de Celíacos de Galicia.

“Son moitos anos organizando esta festa o domingo de Piñata como para ter que cambiar de data por unhas eleccións”, bromeu o alcalde. Pola súa banda Canabal destacou que a festa “comezou sendo unha festa de parroquia e hoxe é unha Festa de Interese Turístico de Galicia que traballa para que sexa recoñecida como de Interese Turístico Nacional”, e salientou o esforzo da veciñanza de Lestedo.

Acto seguido, foi a lembranza a Luís Rial, presentador da Festa da Filloa nos seus inicios e pregoeiro da mesma no ano 1994. Tras a homenaxe, foi a quenda dos tradicionais atranques dos Correos e Xenerais, rematados os cales o Grupo Ibiza, e posteriormente as orquestras París de Noia e Origen que baixaron o pano dunha XL Festa da Filloa de Lestedo de récord.