Sábado. 27.04.2024

O pasado 22 de febreiro o Concello de Arzúa deu o pistoletazo de saída á 49ª edición da Festa do Queixo coa presentación oficial da cita de exaltación deste produto da comarca, e na que participaron o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, o presidente do CRDOP Arzúa-Ulloa, José Luís Lamas, o director do Festival do Queixo, Alberto Alfonso, ou o concelleiro de Cultura, José Luís García, entre outros.

Durante a presentación, deron conta de toda a axenda de actividades, concursos e obradoiros que se van desenvolver dende onte luns 26 de febreiro ata o domingo 4 de marzo, na vila arzuana que terá como epicentro o Recinto Feiral, máis tamén outros puntos de interese que estarán situados na Praza de Galicia, na Capela da Madalena ou no Campo da Feira.

Así, o 26 de febreiro, comezará a festa, con entradas de balde ata completar aforo, coas Catas Comentadas de DOP Arzúa Ulloa impartidas polo Consello Regulador que terá lugar no EFA Piñeiral a partir das 10:30 horas, e cuxa inscrición pódese realizar no teléfono 981 500 580.

Dentro das actividades programadas nos centros educativos da vila, o martes 27 de febreiro, o alumnado do ciclo de Educación Infantil da EFA Piñeiral realizará dous obradoiros, un nde tres clases no colexio Nosa Sra. do Rosario, e outro de 6 clases no CEIP de Arzúa.E, xa achegándose a fin de semana, o xoves 29 de febreiro a partir das 13:00 horas, será a quenda da Másterclass Paraísos da Arzúa Ulloa, cuxa inscrición (981 500 580) ten un custo de 10 euros, cun límite de 20 prazas no EFA Piñeiral no que haberá tamén unha exposición da réplica doce do cartel da festa desta nova edición.

TAPAS E PETISCOS

E como preámbulo aos días grandes da festa, o venres 1 de marzo desenvolverase, de 18:00 a 23:00 horas, nos establecementos arzuáns a 16ª edición do Concurso de Tapas e Petiscos, organizado polo CRDOP Arzúa Ulloa.

A apertura de portas do recinto feiral Terra do Queixo, o sábado 2 de marzo ás 11:00 horas, será o pistoletazo de sáida dúas xornadas intensas co Festival do Queixo cos grupos Tu Futura Mujer, La Plazuela, Arde Bogotá, Guadi Galego ou Fillas de Cassandra, entre outros; ademais de obradoiros, Pequequeixo, animación de rúa, charangas ou un torneo de xadrez, entre unha multitude de actividades programadas para estos dous días dunha nova edición da Festa do Queixo que terá como pregoeira á actriz galega María Vázquez, nominada este ano aos Goya como mellor actriz protagonista por Matria.

O rexedor de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou durante a presentación a histioria desta festa, “de vital importancia tanto para a vila como para Galicia, que destaca pola súa inclusión e diversidade e que aposta polo propio con multitude de actividades para todos tipo de público”. 

José Luís Lamas, pola súa banda, incidiu en que dende que comezou a certificación “aló polo 1997, a DOP Arzúa Ulloa puxo no mercado máis de 75 millóns de quilos de queixo, contaba con máis de 1.500 explotacións das que hoxe seguen activas máis de 860”, e que a DOP “volve estar novamente á cabeza da produción e venda de Queixo en Galicia”. Lamas agradeceu o labor do Concello e o esforzo da veciñanza de Arzúa, para que nunha edición

FESTIVAL DO QUEIXO 2024

Guadi Galego será unha das artistas que se subirá ao escenario no Festival do Queixo
Guadi Galego será unha das artistas que se subirá ao escenario no Festival do Queixo

Ademais do Queixo Arzúa-Ulloa que é o grande eixo no que se desenvolve esta festa, a cultura e a música tamén adquiren en todas as edicións un gran protagonismo, nunha aposta da organización sempre polos conxuntos e as bandas galegas, así como pola inclusión no cartel do Festival do Queixo dalgunha formación de renome nacional ou internacional.

Durante a presentación da festa, o director do Festival do Queixo, Alberto Alfonso, que estivo acompañado pola artista Guadi Galego que será un dos pratos fortes do festival, anunciou o cartel definitivo conformado por cinco grupos ou artistas galegos e por dous estatais.

Así, na primeira xornada do festival, o sábado 2 de marzo, que se desenvolverá no campo da feira (21:00 horas), con entrada de balde ata completar aforo, o primeiro en subirse ao escenario será o conxunto Tu Futura Mujer, gañador do concurso Queixo Maquetón, que precederá á actuación de La Plazuela, conxunto que fusiona flamento, música electrónica e funk. Logo, unha das bandas do momento, Arde Bogotá, poñerá os seus sons sobre o escenario, antes de que o conxunto Grande Amore peche a xornada do sábado coas coas súas mesturas de rock, punk, techno e electro pop, converténdose nunha das bandas de refencia de Galicia.

O domingo o Festival do Queixo, como é tradicional, comezará ao mediodía coa actuación de De Vacas, para xá pola tarde subirse ao escenario unha das artistas máis relevantes do país, Guadi Galego (18:00 horas), e que acompañou a Alberto Alfonso durante a presentación do programa desta nova edición da Festa.

E, para baixar o pano do festival,  subirase ao escenario (19:50 horas) unha das bandas que mellor combinan a tradición oral e a modernidade con ritmos de folclore, música electrónica e pop: Fillas de Cassandra, unha das grandes revelacións do panorama musical.

O programa, como en anteriores edicións, tamén contempla a celebración do VII Festival Pequequeixo que na xornada do sábado (18:30 horas) terá a actuación de Ollo Piollo, concerto de ritmos variados para o público infantil e que se desenvolverá na praza de Galicia, e se chove na Capela da Madanela. E a partir das 19:00 horas será a quenda da animación de rúa a cargo de Latexo Percusión. O VII Festival Pequequeixo baixará o pano o dómingo ás 12:00 horas coa actuación do Trío Detrés que se desenvolverá tamén na praza de Galicia.

TU FUTURA EXMUJER, GAÑA O QUEIXO MAQUETÓN

O grupo de Carballo, Tu Futura Exmujer foi o gañador do 15º Concurso Queixo Maquetón para conxuntos noveis, que non conten con ningún álbum publicado, sen contar os autoeditados, e que non teñan asinado ningún contrato discográfico. 

O triunfo no concurso do cuarteto de indie-garage permítíralle abrir o Festival do Queixo, a partir das 21:30 horas do sábado 2 de marzo no campo da feira, no que desplegará as súas melodías psicodélicas con letras que combinan a tristura coa retranca, cun son nostálxico e ao mesmo tempo moi moderno.

O premio do concurso, ademais de abrir o Festival do Queixo, é a súa contratación en concepto de cahé pola súa actuación, de 1.300 euros, así como a realización dunha entrevista en Radio Arzúa e a promoción do seu traballo nas redes sociais da Festa do Queixo. Tu Futura Exmujer toma o relevo dos tamén carballeses Apart que gañaron na pasada edición.