Sábado. 27.04.2024

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) vén de publicar a resolución co listado da concesión provisional do programa de subvencións destinadas a corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional, así como a formacións musicais de grande formato para a realización de investimentos culturais durante o ano 2024, e que convocu o servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da Deputación da Coruña.

A convocatoria, publicada no BOP número 205 do 26 de outubro de 2023 e co prazo de solicitudes pechado o pasado 15 de decembro de 2023, conta cunha partida orzamentaria de 196.035,79 euros, da que se beneficiarán un total de 78 entidades, ás que se lles concedeu a achega de xeito provisional e en diferentes cuantías.

Unha das solicitudes foi concedida baixo o condicionante de que a entidade presente a documentación requerida na convocatoria; 10 foron desestimadas por non sumar a puntuación mínima de 40 puntos, e outra non foi admitida ao inclumplir o requerimento que establece que as entidades deberán contar cun mínimo de 25 membros.

Antes da publicación da resolución definitiva da concesión das subvencións, as solicitudes condicionadas terán que presentar a documentación pertinente no prazo de 10 días hábiles a contar dende a publicación desta resolución no BOP o 25 de marzo de 2024.