Sábado. 27.04.2024

A profesora, compositora, investigadora musical e intérprete, Julia Dopico Vale, converteuse na primeira muller en formar parte do Cancioneiro Oficial do Festival das Pepitas do Concello de Ferrol como autora da letra e da música dun dos temas que, este ano, pasan a formar parte do repertorio das rondallas. Será a agrupación feminina Só Elas a que interpretará a nova peza, un vals títulado Cantad a mi trovador, en todas as súas actuacións. 

A compositora, profesora e investigadora musical Julia Dopico
A compositora, profesora e investigadora musical Julia Dopico

Só Elas xa a levaron a escena por primeira vez o pasado domingo 15 de marzo na sede de Exponav co gallo da presentación do padriño da rondalla, e volveron a interpretala o domingo 17 de marzo no Casino ferrolán. E, agora soará en todos aqueles lugares nos que actúen Só Elas e o público poderá seguir a súa letra porque figurará  nos tradicionais pañuelos que entrega a rondalla.

Cantad a mi trovador, explicou a súa compositora, é unha canción de amor realizada por encargo da referida rondalla e como un “agasallo musical para todos os ferroláns. E, poucos días despois da celebración do 8M, data na que tamén puido escoitarse a música de Julia Dopico no CMUS Xan Viaño, ten agora a honra de entrar no el Cancioneiro Oficial das Pepitas xunto a outras mulleres que no seu día compuxeron a música ou a letra doutros temas tradicionais desta festa, pero nunca as dúas cousas.

Julia Dopico é un referente da composición feminina en Galicia e tamén na visibilización das aportacións da muller á música. As súas obras puidéronse escoitar, entre outros lugares do mundo, en Nova York, Madrid, Sintra, Barcelona ou Alxer.

Nesta ocasión, a compositora ferrolá ofrece a composición dun vals que, segundo explicou, “está especialmente pensado para as rondallas da Festa das Pepitas, e marcado pola forma e a estética que require a tradición e que evoca aos antigos trovadores e ás escasas trobairitz na versión feminina, xa que nesta ocasión cantan elas, e Só Elas aos seus admiradores e namorados”.