Sábado. 27.04.2024

O actor compostelán Diego Anido, que recibiu un Premio Goya ao Mellor Actor de Reparto pola súa interpretación do personaxe Lorenzo no filme As bestas e que conta cunha longa traxectoria na escena teatral, é o gañador da 23ª edición do Premio de Interpretación Maruxa Villanueva que concede o Concello de Padrón

A decisión do xurado, presidido polo alcalde Anxo Arca, quixo “recoñecer a dilatada traxectoria do galardoado en distintas facetas do eido teatral, así como a súa capacidade de innovar e contruír novas linguaxes fixándose sobre todo no seu labor de investigación, creación e interpretación na peza O deus do pop”. Con esta obra, Diego Anido percorreu Galicia ao longo do pasado ano, desenvolveu as tarefas de escritura, dirección, escenografía, música, coreografía e interpretación, un feito que destaca o xurado desta nova edición do premio Maruxa Villanueva.

Ademais, segundo engade o fallo, tamén se valorou “a súa dedicación tanto ao teatro de obxectos como ao teatro físico ao longo da súa carreira”, e salienta “a súa audacia creativa así como o labor que vén desenvolvendo na construción dramatúrxica dende as linguaxes híbridas”.

O xurado desta nova edición do Premio Maruxa Villanueva de Teatro do Concello de Padrón
O xurado desta nova edición do Premio Maruxa Villanueva de Interpretación do Concello de Padrón

Integrante de varios grupos teatrais e colaborador do Centro Dramático Galego (CDG), Diego Anido asinou con O deus do pop a súa quinta peza individual. Fóra do teatro, participou como actor en series de televisión como Pepe o Inglés e diversas películas. O ano 2022 marcou un punto de inflexión na súa carreira ao gañar o Pemio Mestre Mateo polo seu papel en Malencolía, de Alfonso Zarauza, e moi especialmente ao premio Goya ao Mellor Actor de Reparto no filme de Rodrigo Sorogoyen.

Diego Anido recibirá como premio 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura do busto da actriz Maruxa Villanueva nun acto que terá lugar nos vindeiros meses en Padrón e que servirá como excusa para que a veciñanza da capital do Sar poida velo sobre o escenario con O deus do pop.

Ademais de por Anxo Arca, o xurado estivo formado polos profesores da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva, Afonso Becerra e Roberto Pascual; o actor e profesor da UDC, Carlos Caetano Biscainho Fernández; e a animadora social de Padrón, María Cruz Taboada.