Luns. 29.04.2024

O Concello de Padrón celebrou a primeira edición do Día da Memoria Democrática padronesa, un evento que nace con vocación de continuidade e que ten como obxectivo concienciar á comunidade sobre as inxustizas sufridas durante a Guerra Civil e os corenta anos de ditadura franquista, así como promover valores como a reconciliación e a liberdade.

O acto que comezou ás cinco da tarde no Xardín Botánico-Artístico contou coa presenza do alcalde, Anxo Arca; dos membros da corporación municipal; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; representantes da Fundación Camilo José Cela e das diferentes asociacións de Memoria e vítimas da represión, ademais de numeroso público.  

Nun xesto de respecto e gratitude, neste primeiro Día da Memoria Democrática destacouse a importancia de lembrar o legado daqueles que loitaron pola liberdade coa homenaxe a Xosé García Lapido e Xosé Luis Amigo, coñecido polo alcume de gorrión.

Lapido é membro da executiva da Fundación Rosalía de Castro, fundador da asociación cultural O Sacho, que estivo activa en Padrón e na comarca entre os anos 1975 e 1983, ademais de ser unha persoa moi activa na vida cultural-social padronesa. Na súa intervención recordou que “houbo que esperar 88 anos para que o Concello de Padrón realizase este acto en conmemoración de tantísima xente que quedou nas cunetas” e repasou episodios moi duros vividos polos represaliados no municipio.

Xose Luis Amigo, militante do BNG e exsindicalista, era un dos organizadores das conmemoracións da República en Padrón cada 14 de abril, tanto na praza de Macías como, o último ano, en Fondo de Vila. Xunto a súa muller Carmiña, a Darío González, Pepe Miguez, David Gago e ao propio Lapido, consensuaban o texto para o manifesto e coidaban cada un dos detalles do acto, onde se adoitaba ler poesía entre cada unha as intervencións.

“Esta árbore da memoria servirá de testemuña do compromiso do Concello polo fomento de políticas públicas de investigación e difusión da nosa historia como elemento fundamental para aumentar a nosa calidade democrática”, dixo o alcalde tras o acto no que se plantou a árbore que reprentará este recoñecemento, nun acto que contou coa música do dúo de acordeóns Ad Libitum que interpretou pezas ¡Ay, Carmela!, A Internacional ou o Himno de Riego.

Na súa intervención, Anxo Arca expresou o seu profundo agradecemento e recoñecemento a todos aqueles que, con valentía e determinación e en diferentes eidos, contribuíron a preservar e promover os principios básicos da sociedade padronesa, e lembrou a figura de Camilo Forján, que na súa etapa de alcalde recuperou os nomes de moitas rúas que ata o  momento recoñecían a persoeiros do réxime franquista.

O rexedor pechou o acto emprazando aos asistentes á seguinte edición, ao tempo que agradeceu a extraordinaria acollida da iniciativa por parte da veciñanza. “Dende o Concello faremos todo o posible por fomentar a investigación, o coñecemento e a posta en valor de toda a acción das persoas que foron represaliadas durante o período terrible franquista”.