Sábado. 27.04.2024

O Auditorio de Galicia acolleu, na tarde do pasado martes 12 de marzo, o acto de entrega dos premios da XV edición do certame Santiago(é)Tapas, organizado por Turismo Santiago en coordinación coa Asociación de Hostalería Compostela, e que se desenvolveu nos locais da cidade do 15 de febreiro ao 3 de marzo, por primeira vez fóra das súas datas habituais co obxectivo de favorecer a desestacionalización turística nos meses de tempada baixa en Compostela.

Co petisco Crocante de abelá e praliné de maracuxá, o local La Morena acadou o premio á Mellor Tapa Creativa, así como á Mellor Tapa Doce. Pola súa banda o Artesana, con Estamos como cabras, foi elixida a Mellor Tapa Tradicional; Cachucha, grelo e calçot, do Nómade, a Mellor Tapa en Maridaxe con Viño; Bomba de Polbo á Feira de La Planta fixo o propio en Maridaxe con Cervexa e a Mellor Tapa Sen Glute foi para Castaña Doce da Maceta.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, destacou o éxito de Santiago(é)Tapas nos meses de febreiro e marzo, un cambio que vai na liña de traballo do Concello para mudar o modelo turístico da cidade, apostando pola colaboración co sector hostaleiro e impulsando a desestacionalización con actividades que dinamicen Compostela nos meses de tempada baixa. 

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, incidiu en que o cambio de datas non tivo impacto nin no número de locais participantes nesta nova edición nin no consumo. Así, aclarou, no certame deste ano consumíronse preto de 25.000 tapas, unha cifra similar a da última edición de novembro de 2022. 

Louzao puxo en valor estes datos por ser moi relevantes, tanto polo cambio de datas do concurso a febreiro, un mes moi complexo para o sector, máis os datos reflicten que non afectou ao concurso, como polo 40 por cento do consumo que veu de persoas que non residen en Compostela.