Sábado. 27.04.2024

O petisco Non te queixes, elaborado pola cafetería Ultreia, foi o gañador do Concurso de Pinchos e Tapas, e que forma parte das actividades paralelas da XLIX Festa do Queixo de Arzúa que rematou esta pasada fin de semana. Este establecemento consegue o premio por segundo ano consecutivo, despois de recibir a maior puntuación dun xurado que percorreu os locais participantes, catando todos as tapas que tiñan que ter como protagonista o queixo Arzúa-Ulloa. O segundo posto foi para Arzuíni, petisco do café-bar Chacala, e a terceira praza levouna A filloa do meu avó da Bodega do José.

O xurado estivo conformado polo cociñeiro André Arzúa do Espazo Gastronómico Abella, por Isabel Barral da Queixería Barral, o cociñeiro Óscar Miranda, divulgador gastronómico en Radio Arzúa; Salomé Beiroa, integrante do panel de cata dos queixos galegos; e Óscar Pérez, secretario-xerente do consello regulador.

'Non te queixes', tapa gañadora desta nova edición do concurso
'Non te queixes', tapa gañadora desta nova edición do concurso
RÉCORD DA DOP ARZÚA-ULLOA

 

A Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa vén de anunciar os resultados do ano 2023, no que a DOP vendeu un total de 4.445.000 queixos, un novo récord que supón cinco anos consecutivos de crecemento e un 4,67 por cento por riba dos resultados do ano 2022. Por este motivo, dende a DOP Arzúa-Ulloa mostraron o seu agradecemento "a todas as persoas que seguen a gostar do noso queixo!".

Ademais, o pasado 3 de marzo foi o 35 aniversario do recoñecemento do queixo Arzúa-Ulloa como Produto Galego de Calidade (PGC, antiga figura xurídica da Xunta de Galicia, paso previa á Denominación de Orixe (DO)). O que foi un fito importante xa que o queixo Arzúa Ulloa foi o primeiro dos queixos galegos en contar cun respaldo legal.