Sábado. 27.04.2024

“Hoxe é un día grande porque supón a celebración dunha muller especial, rebelde, transgresora e con conciencia ecoloxista e feminista que reinvindicou a nosa lingua e a nosa cultura, e que é esencial para a cultura galega e para a cultura de Santiago”, asegurou a alcaldesa compostelá Goretti Sanmartín, que estivo acompañada pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, durante a ofrenda floral, organizada pola Fundación Rosalía de Castro no 187 aniversario do nacemento da escritora, a autora galega máis universal das nosas letras.

O alumnado do colexio Quiroga Palacios recitou, tras a ofrenda floral na santiaguesa praza de Vigo, varios poemas de Rosalía, nun acto no que tamén estiveron presentes o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Padrón, Anxo Arca, ou ou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outros.

Durante as xornadas do venres e do sábado, desenvolveuse paralelamente, con epicentro na praza de Mazarelos, o Festival de Rosalía Un grande atrevemento, organizado conxuntamente polo Concello de Santiago e pola Deputación da Coruña, e que encheu as rúas da cidade de actividades de teatro, poesía, artesanía e música, que comezou o venres pola tarde, ás 17:00 horas coa apertura da feira de produtos marca Rosalía, e que deron paso a dúas xornadas na que os asistentes desfrutaron dos contacontos a cargo da Trastenda dos contos, do espectáculo escénico Dúo vaguedades, do proxecto multidisciplinar Indóciles, do recital O atrevemento da voz nos versos, ou da actuación de Loita Amada.

Alcaldes de Padrón o Santiago durante os actos para conmemorar o nacemento de Rosalía de Castro
Alcaldes de Padrón o Santiago durante os actos para conmemorar o nacemento de Rosalía

PADRÓN, A SÚA VILA NATAL

A tradicional ofrenda de flores, a música na súa lembranza e a lectura de poemas foron algúns dos actos de homenaxe a Rosalía de Castro na súa vila natal, Padrón, nunhas celebracións organizadas polo Concello. O grupo de gaitas Os Carapaus amenizou o paseo da comitiva de autoridades encabezada polo alcalde de Padrón, Anxo Arca; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; o tenente de alcalde de Dodro, Ramón Abuín; ou presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, entre outros, ata o paseo do Espolón, no que se desenvolveu a tradicional ofrenda de flores, nun acto que se pechou co recital ofrecido polo alumnado de secundaria dos centros educativos de Padrón.