Luns. 29.04.2024

A Xunta de Galicia investirá preto de 800.000 euros en varios proxectos dentro da instalación do porto de Cariño, segundo anunciou o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares. A alcaldesa do Concello de Cariño, Ana María López, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, acompañaron ao representante autonómico na súa visita ao municipio.

Neste sentido, o principal proxecto será a dragaxe, que contará cun orzamento de 677.000 euros e xa está en fase de licitación. Segundo indicou Villares, os traballos consistirán na extracción de máis de 20.000 metros cúbicos de area de dúas zonas do porto, a rampla de varada e a zona dos peiraos interiores de atraque comercial.

A maiores, están previstos dous proxectos máis. Por unha banda, a renovación do firme da glorieta de acceso ao porto e de zonas concretas do interior. Pola outra, a instalación de 49 novas luminarias automáticas que funcionarán con tecnoloxía LED.

“Estes traballos suporán un enorme impulso para o noso porto, que mellorará en operatividade polo aumento do calado e, ademais, contará cunha contorna máis accesible”, anotou a rexedora cariñesa, para engadir o seu agradecemento á “ambiciosa aposta da Xunta de Galicia por Cariño”. Neste senso, a alcaldesa apuntou que a achega autonómica poderá atraer o investimento doutras administracións e salientou que as arcas municipais aforrarán unha cantidade próxima aos 100.000 euros na renovación da ETAP do Castro grazas ao convenio asinado con Augas de Galicia