Luns. 29.04.2024

O Concello de Ferrol acaba de iniciar a campaña de control da poboación urbana de gaivota, estorniño e pomba doméstica, segundo informou o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, José Tomé, na comisión da área.

En canto ao control da nidificación da gaivota patiamarela, o obxectivo é reducir o éxito reprodutor da colonia local. Para logralo, procederase á retirada dos niños e ovos detectados nos tellados entre os meses de abril e agosto.

No tocante á pomba doméstica, o edil informou de que se realizará un censo que permita avaliar a problemática que xeran estas aves no municipio para definir os lugares e actuacións máis oportunas para o seu control.

Finalmente, en canto aos estorniños, presentes en Ferrol de setembro a marzo, seguirase a metodoloxía de vixilancia e labores para escorrentar ás aves fóra do municipio.

Para lograr a maior efectividade da campaña, o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente lembrou á veciñanza que pode comunicarse coa empresa encargada dos servizos se se ven afectados por estas especies.