Luns. 29.04.2024

O grupo municipal do Partido Popular de Santiago denunciou o estado de abandono do núcleo de Moas de Abaixo, na parroquia de Figueiras, onde a falta de mantemento e limpeza das canalizacións de auga provocan atoamentos cando chove, ademais de incidencias consecuencia dos mesmos.

Así, a concelleira popular Nerea Barcia criticou que o goberno compostelán non arranxara esta problemática en dúas lexislaturas e sinalou o “deixamento” do BNG. Neste sentido, a edil lamentou que a veciñanza vese na obriga de limpar por tramos e arranxar a única pista de acceso ás súas vivendas, unha senda “chea de fochancas e de herbas”.

“O Concello só limpa ata a entrada do camiño, polo que son os veciños coas súas propias ferramentas os que rematan coa limpeza e arranxo de fochancas tamén para evitar asolagamentos e poder transitar cos seus vehículos, a pesar de pagar os mesmos impostos que o resto de habitantes de Santiago”, sentenciou Barcia.