Luns. 29.04.2024

Os Concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos están a desenvolver o Obradoiro Inicia VII, destinado a 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos en situación de desemprego. O obxectivo é mellorar a inserción laboral do alumnado mediante un programa que combina formación teórica e práctica. Neste sentido, a concelleira de Formación e Emprego de Fene, Cristina García, achegouse á nave municipal para manter un encontro co equipo docente e o alumnado.

O Inicia VII estase a impartir na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial, unha especialidade con gran demanda na comarca. Durante o seu desenvolvemento, cun ano de duración, as persoas participantes completarán a súa formación teórico-práctica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas, como a substitución das varandas das escaleiras de Tellerias a San Valentín e a instalación de varandas nas gradas do pavillón A Xunqueira.

Durante o encontro, Cristina García interesouse pola valoración do alumnado participante sobre o desenvolvemento do Obradoiro e as necesidades do equipo docente, e apuntou a importancia deste tipo de programas orientados “a cubrir as demandas reais do mercado laboral e mellorar a empregabilidade das persoas participantes, adquirindo as competencias necesarias para desenvolver unha actividade en auxe”.

Ademais da formación, o alumnado traballador conta cun contrato laboral de 40 horas semanais, polo que percibe o salario mínimo interprofesional. Estas persoas foron preseleccionadas mediante unha oferta de emprego en cada unha das especialidades tramitadas no Servizo Público de Emprego de Galicia, procedéndose logo á selección definitiva, dando prioridade ás persoas desempregadas dos concellos organizadores.

Dito proceso formativo está incluído no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e conta cunha subvención da Consellaría de Emprego da Xunta de Galicia de preto de 425.000 euros.