Domingo. 02.10.2022

O Concello de Brión vén de rematar os traballos de mellora no parque infantil de Bastavales e na súa contorna. Unha actuación acometida a través da brigada municipal de obras e que incluíu a poda das árbores que rodeaban a área infantil, así como a limpeza da pedra tanto dos muros como das escaleiras de acceso á área de recreo e os bancos que rodean o parque infantil.

Un parque infantil no que se renovou a area que lle serve de base, de forma que a súa capacidade de amortecer calquera caída é homologable ao dun chan de caucho. “Así mesmo, reparáronse os distintos xogos existentes e temos previsto instalar algún outro a maiores”, adianta o alcalde de Brión, Pablo Lago, quen destaca que esta actuación é froito “dun informe técnico que encargamos sobre o estado actual de todos os parques do municipio e no que se recollen distintas propostas de mellora”.

No caso desta área infantil e deportiva de Bastavales, a próxima actuación terá que ver coa posta en valor da pista polideportiva. Así, nesta primeira actuación xa se deixou preparada a zona para poder proceder ao seu peche perimetral. A seguinte actuación será a mellora do firme da propia pista e dos elementos que a integran (porterías e canastas).

Esta actuación forma parte dun programa de melloras nos parques infantís de todo o municipio, que se incluirán nos próximos orzamentos municipais e co cal o Concello de Brión pretende cubrir o parque infantil do Inxerido e a ampliación e cubrición do parque infantil de Lamiño, a carón do campo de fútbol.

No caso do Inxerido, o Concello está á espera da concesión dunha subvención da Xunta de Galicia ao abeiro da Orde de Infraestruturas de Uso Público. No caso de Lamiño, a actuación é moito máis ambiciosa, pois o seu orzamento ascende case a 300.000 euros e inclúe a súa cubrición, a instalación dunha nova soleira, a reparación dos xogos existentes e a instalación dun tobogán, un columpio, dous balancíns un carrusel e unha plataforma xiratoria.


 


 


 


 

comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade