Sábado. 27.04.2024

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente a solicitude de varias subvencións, todas dirixidas á mellora de equipamentos e servizos municipais. En total, a través dos catro programas de subvencións que vai tramitar ante diferentes administracións, a administración local espera obter 101.045,91 euros.

En primeiro lugar, o Concello vai solicitar unha subvención para camiños rurais  do Programa de Desenvolvemento Rural da Agader, financiado cos fondos Feader, por unha contía de 64.174 euros. Esta cifra adicarase a mellorar a capa de rodaxe de varias pistas de titularidade municipal. Xa que logo, os fondos municipais deberán asumir o resto do importe ata chegar aos 77.646,70 euros do orzamento da intervención. Máis en concreto, arranxarase o camiño de Meizoso a Biduído, que chega ao límite con Ortigueira, e o ramal que conecta Meizoso coa DP-2205. Ademais de aplicar a estas pistas dúas capas de rego asfáltico, vanse corrixir os bordes do firme á saída da aldea de Meizoso para que a plataforma recupere o seu ancho e tamén canalizarase un regato na zona da Candocia cunha cuneta formigonada e transitable.

En segundo lugar, o goberno local de Cedeira está a tramitar outra axuda de 3.500 euros para mercar novos libros e publicacións para a biblioteca municipal,  dos que 1.500 euros irán destinados a novidades editoriais en galego.

En terceiro lugar,o Concello solicitou unha achega de 11.692,84 euros á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ao abeiro dun programa para equipamento e mellora das instalacións e locais empregados para a celebración de actividades culturais. Neste sentido, prevese empregar esta axuda para mellorar a iluminación e o son no Auditorio Municipal. En total, a actuación ten un orzamento de 23.862,94 euros, polo que os fondos municipais faranse cargo dos 12.170,10 euros restantes.

Por último, o Concello de Cedeira está a tramitar unha axuda de 8.206,50 euros para costear unha auditoría do abastecemento de auga, realizada pola empresa Viaqua, co obxectivo de minimizar as perdas de auga.