Martes. 30.04.2024

O PP de Melide rexistrou xa varias solicitudes instando ao alcalde melidense,  José Manuel Pérez, a convocar a Xunta Local de Seguridade ante a “inaprazable e urxente situación de inseguridade que vive a vila”. Segundo o grupo popular municipal, moitos veciños e veciñas contactáronos o pasado mes para denunciar o desvalemento que sofren ante a vaga de roubos que asolaga a localidade.

Neste sentido, a portavoz popular, Dalia García, acusa de inacción ao goberno local que, segundo recrimina, “mira para outro lado”, o que desemboca “nunha situación de desamparo veciñal e incluso de indefensión para os Corpos e Corpos de Seguridade da vila que operan na nosa demarcación”.

A voceira popular transmitiu a preocupación do seu grupo polas situacións de okupación ilegal de vivendas, os roubos diarios no casco urbano, comercios e na zona rural; e a falta de efectivos. Así pois, García criticou que o goberno municipal non convocase aínda a Xunta Local de Seguridade, pese a estar informado da situación. “Solicitamos que estes e outros temas de interese municipal se traten coa Delegación do Goberno, que é quen ten as competencias sobre este tema, e se faga, polo ben de Melide, o antes posible”, sinalaron dende a bancada popular.