Martes. 30.04.2024

O grupo municipal popular de Melide rexistrou unha moción para debater no próximo pleno ordinario con respecto á obriga de rexistrar os galiñeiros para autoconsumo. Neste sentido, pretenden lograr un acordo no municipio para instar ao goberno central que elimine dita obrigación.

Os populares consideran que é unha medida extrema que mostra o descoñecemento da realidade rural galega. Así mesmo, debido ao aumento da demanda de información dende a veciñanza sobre este asunto, o PP de Melide pretende alzar o debate ao pleno municipal para acadar un acordo co tripartito e presentar unha instancia firme ao goberno central, co fin de lograr un cambio na lei estatal.

“Case todas as casas no rural contan con aves para o autoconsumo sen que se teña detectado ningún tipo de risco para a saúde pública”, sinalaron dende o PP melidense. Pola súa banda, a voceira popular, Dalia García, criticou que a medida provoque “a derivación de recursos humanos e materiais cara o rexistro dunhas instalacións que non teñen ningún tipo de risco e que levan existindo no rural galego toda a vida de maneira natural”.