Luns. 29.04.2024

O Concello de Fene concluíu os traballos de mellora da rúa do Campanario, na parroquia de Limodre, máis concretamente o incremento da sección de paso e a mellora da drenaxe. As actuacións afectaron a 300 metros da pista que une o lugar do Campanario coa estrada provincial DP-3501.

As actuacións realizadas supuxeron un investimento de 45.501,98 euros, con cargo ao Plan marco de mellora dos camiños municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) ao abeiro do Plan estratéxico da PAC.

Entre os traballos realizados salientan os labores de pavimentación nunha superficie de 95 metros cadrados, a instalación de 359 metros de tubaxe PEAD de saneamento e 22 sumidoiros de arquetas e o pintado da sinalización viaria en ambos lados do camiño.

O concelleiro de obras, Manuel Polo, valorou positivamente estes traballos que solucionan “unha necesidade detectada desde hai tempo neste camiño”, e amosou o compromiso da súa área para seguir a buscar financiamento a través de diferentes plans para avanzar nos traballos de mellora dos camiños municipais de todas as parroquias.