Xoves. 25.04.2024

A veciñanza de Boimorto, Curtis, Sobrado dos Monxes e Vilasantar vai poder reciclar os restos domésticos e comerciais que non teñan cabida nos contedores da rúa nas súas propias vilas e parroquias. Isto será posible grazas á implantación dos puntos limpos móbiles, un servizo itinerante, que lles vai permitir desprenderse de residuos que, pola súa natureza, quedan fóra dos contedores situados na rúa, tales como orgánicos, envases, papel e vidro.

O mecanismo é moi sinxelo; un vehículo, que terá marcado diferentes itinerarios con base en lugares concorridos e cun calendario marcado será o encargado de recoller os residuos da veciñanza. Trátase dunha instalación deseñada para verter os distintos tipos de refugallos de forma fácil e limpa e que serán xestionados por un xestor autorizado en cada tipoloxía de restos, para darlle unha segunda vida aos obxectos inservibles.

É unha idea pioneira que se pon en marcha nos concellos galegos pola necesidade de dotar de equipamentos e infraestruturas necesarias no que depositar os residuos contaminantes, que polas súas características, non se poden tirar nos contedores convencionais. Coa posta en marcha desta iniciativa , agárdase mellorar a xestión de residuos altamente contaminantes xerados por particulares (fluorescentes, lámpadas, aceites, aerosoles, latas contaminadas, pilas, baterías cartuchos tinta, etc., de difícil recollida e xestión) ao poder desprazar estes puntos limpos móbiles polos diferentes lugares do concello.

Para que a veciñanza coñeza o seu funcionamento realízanse diferentes sesións informativas nos catro concellos entregándolle ás persoas interesadas dípticos que tamén están dispoñibles nas propias webs municipais.

Os concellos beneficiarios desta iniciativa apuntan que grazas ao punto limpo móbil vaise mellorar e ampliar a xestión de residuos especiais de competencia municipal, favorecendo así a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización. De xeito paralelo, tamén se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas e espazos naturais.

Esta acción lévase a cabo grazas a unha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Patrimonio Cultural, financiada con fondos europeos FEDER.