Venres. 03.05.2024

Ana Pontón, volve a presentarse como candidata á Presidencia da Xunta de Galicia, por que tomou de novo esa decisión?

Estou moi agradecida pola confianza que a militancia do BNG deposita en min. É un orgullo e unha gran responsabilidade que asumo porque o meu reto, que é colectivo, é que Galiza faga historia e teña por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas. A min ninguén me vai poñer límites desde Madrid.

Quero construír unha Galiza con mellor sanidade e educacións públicas; con máis oportunidades para a mocidade para que non teña que emigrar como fixeron os seus avós; poñer a riqueza enerxética ao servizo das familias e das empresas e non das eléctricas e traballar para que os nosos maiores teñan unha vida tranquila e que a teñan na casa, no seu fogar, porque a residencia debe ser o último recurso. En definitiva, fronte aos recortes do PP, quero ser a presidenta do benestar, a que na vez de recortar, reforce os servizos públicos como a sanidade, a educación ou a atención aos nosos maiores. Quero mellorar a vida dos galegos e das galegas, que é o que dá sentido á política.

A min ninguén me vai poñer limites desde Madrid

 

Está a esquerda mobilizada para que haxa un cambio en Galicia?

Nós estamos percibindo unha corrente de simpatía que non deixa de medrar, que cada día máis xente mira cara ao BNG, consciente de que o cambio pasa por concentrar o voto no Bloque. Non importa a papeleta que todas esas persoas colleran noutras eleccións porque hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para poñer en marcha a nova Galiza que necesitamos e deixar atrás estes 15 anos lamentables do PP. Son a candidata desa maioría social que quere cambio e que sabe que a maneira de conseguilo é apostando polo BNG. Se toda esa cidadanía que se mobiliza a favor da sanidade, da educación e do medio ambiente; a que defende unha Galiza da ciencia, diversa e feminista, con máis capacidade para decidir e na que a lingua floreza, apoia ao BNG, haberá cambio.

Ana Pontón
Ana Pontón

Que políticas necesita Galicia para prosperar económica e socialmente?

O importante é poñer Galiza a producir. Temos un país moi rico, pero témolo abandonado, algo que se ve perfectamente no rural, onde unha parte moi importante está literalmente “a monte”. Temos que recuperar superficie agraria para que a terra sexa produtiva. Todos os países avanzados teñen un rural forte e nós queremos que Galiza sexa un deses países. Para iso, imos desenvolver medidas concretas, como mobilizar 100.000 hectáreas de superficie agraria útil para o sector agrogandeiro, activar un plan de incorporación ao sector da xente moza ou poñer en marcha o programa Do rural á Mesa, destinado á compra pública de produto galego para o seu consumo en comedores de centros escolares, hospitais, centros sociais e da administración. Pero tamén temos que impulsar as actividades non agrarias, xerando espazos rurais atractivos para conseguir deste xeito recuperar e fixar poboación, con iniciativas como un tícket rural, dotado con 15.000 euros anuais durante cinco anos, para apoiar proxectos innovadores que non estean directamente relacionados co sector agrogandeiro.

Evidentemente, tamén queremos un país con industria e, neste sentido, imos poñer en marcha un Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial para incrementar en 8 puntos o peso da industria no PIB e xerar 12.000 empregos en sectores estratéxicos até 2030. Ademais, imos apostar pola ciencia e a innovación como motor de desenvolvemento porque queremos competir con coñecemento e non con salarios baixos e empregos precarios.

Outra peza fundamental para xerar riqueza económica e social é poñer a nosa enerxía ao servizo do país, xusto ao contrario do que fai o PP, que goberna en función dos intereses das eléctricas. Nós apoiamos a enerxía eólica, claro que si, pero cun modelo sustentable que respecte o medio ambiente e o rural e que beneficie ás familias, á clase traballadora e ás empresas. Por iso, queremos poñer a nosa riqueza enerxética a favor do país cun novo modelo enerxético sostible, xusto e participativo.

Son a candidata desa maioría social que quere cambio e que sabe que a maneira de conseguilo é apostando polo BNG

 

Que aspectos mudaría das políticas do PP se chega a ser a próxima presidenta da Xunta?

O máis urxente é reverter os 15 anos de recortes do PP nos servizos públicos que, por exemplificar en algo tan importante como a sanidade, supuxeron un recortazo de 2.139 millóns de euros na Atención Primaria. Temos que recuperar o noso sistema público de saúde e para iso é fundamental rescatar a Atención Primaria, polo que unha das primeiras medidas que tomarei como presidenta será aprobar un plan de choque dotado con 200 M€ que nos permita recuperar algo tan básico e normal como que as persoas sexan atendidas na Primaria sen lista de espera.

Isto mesmo pódese trasladar ao ámbito dos coidados, no que, primeiro, queremos garantir que os nosos maiores pasen a súa vellez nas súas casas. Imos acabar coas listas de espera en dependencia e para iso duplicaremos os equipos de valoración. Tamén reforzaremos o Servizo de Axuda no Fogar con 86 millóns de euros, ampliaremos o de xantar na casa e faremos unha aposta moi forte por incrementar os centros de día co obxectivo de ofertar dúas prazas por cada 100 maiores e garantir que haxa, cando menos, un centro de día por cada comarca.

A residencia ten que ser o último recurso, pero evidentemente ten que haber residencias públicas e esa é a nosa aposta fronte a un PP que non foi capaz de construír nin unha soa residencia pública en quince anos de goberno nos que, polo contrario, non deixou de engordar o negocio das residencias privadas.

Nós estamos percibindo unha corrente de simpatía que non deixa de medrar

Que lle pide ao Goberno central? Cales son os compromisos que ten cumprir con Galicia?

Eu vou ser unha presidenta moi esixente co Goberno central. Nin vou estar na crispación e na confrontación estéril, nin vou estar na submisión. Vou estar na defensa dos intereses dos galegos e das galegas e non imos admitir ningún tipo de discriminación. Queremos conseguir todas as competencias que aínda temos pendentes do Estatuto, que despois de 40 anos xa é hora de que se cumpra, e, cando falamos de ter máis competencias, falamos de ter máis ferramentas para mellorar a vida dos galegos e das galegas, decidindo dende aquí sobre o noso.

 

Cales serán as prioridades do seu goberno?

Ademais do reforzo dos servizos públicos, as medidas para impulsar os nosos sectores produtivos, a posta en marcha dun novo modelo enerxético e a nosa clara aposta pola ciencia e a innovación que xa comentamos, para nós será prioritario tamén desenvolver un novo modelo de acceso á vivenda e mobilidade con medidas completas. No primeiro ámbito, cun plan de mobilización de vivenda baleira para poñela no mercado a prezos limitados, duplicando as axudas ao aluguer e articulando unha bolsa de vivenda en colaboración coas tres universidades para garantir pisos dignos e a prezos accesibles para as e os estudantes. No segundo, apostando polo ferrocarril como medio de transporte de futuro cun servizo de proximidade nas áreas urbanas máis poboadas, tal e como acordamos co Goberno central no acordo de investidura, e coa mellora de liñas e frecuencias do transporte por estrada para o que crearemos tamén unha tarifa plana de transporte intermodal por 30 euros ao mes.

 

Por que necesita Galicia un goberno do BNG?

En máis de corenta anos de democracia este País tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais e o que é evidente é que non conseguiron colocar a Galiza no lugar que lle corresponde. Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferente. Penso sinceramente que a Galiza vaille ir moito mellor cunha presidenta do BNG e o que lle pido aos galegos e ás galegas é que me dean a oportunidade de demostrarllo a partir do 18 de febreiro.

Estaría disposta a gobernar con pactos?

Quen elixe o goberno son os galegos e as galegas co seu voto. Eu aspiro a ser a presidenta do futuro goberno deste país a partir do 18 de febreiro, pero van ser os galegos e as galegas co seu voto nas urnas quen decida que responsabilidade ten cada quen e como vai ser ese goberno. Dende logo eu non lle teño medo á pluralidade porque a pluralidade é democracia. Para min será unha honra presidir o futuro goberno de Galiza coa composición que decidan os galegos e as galegas.

 

Se o vindeiro 18F sae elixida presidenta da Xunta de Galicia, cales serán as primeiras medidas que poñería en marcha o seu equipo?

A nosa intención é aprobar de xeito urxente o plan de rescate da Atención Primaria, a gratuidade dos libros de texto, para que entre xa en vigor no curso 2024-2005, e duplicar a axuda no fogar para que as persoas maiores poidan ter nas súas casas a atención que necesitan para vivir unha vellez tranquila