Xoves. 25.04.2024

EUROPE DIRECT A Coruña – Deputación da Coruña organiza unha decena de actividades nos primeiros meses de ano que poderán acoller e difundir os municipios que forman parte da rede Europa no teu Concello. Accións para dar a coñecer a Unión Europea aos nenos e nenas, para difundir políticas da UE entre a cidadanía e para achegar oportunidades de formación e participación en Europa a mocidade vertebran a oferta deste inicio de 2024.

Entre as accións informativas e de sensibilización sobre a UE, está dispoñible Coñece Europa con Kalopsia, un obradoiro de contacontos que explica ao público infantil dunha maneira sinxela e entretida que é a UE e que conta con intérprete de signos para garantir a súa accesibilidade. Haberá tamén funcións de A Maxia de Europa, unha actuación chea de trucos, ilusión e humor coa que percorrer os símbolos e valores da UE e varias paradas da exposición ao aire libre Pacto Verde Europeo, que achega á cidadanía as liñas fundamentais das políticas verdes que guían o crecemento europeo. Ademais, xa está en marcha polos concellos a exposición itinerante Experiencia Europa, que achega o funcionamento da Unión Europea e a súa influencia no día a día a través dunha experiencia dixital.

Dentro das oportunidades para a mocidade, os membros de Europa no teu Concello poderán promover a participación da xente nova do seu municipio na campaña Embaixadorxs Destino Europa, una iniciativa de euroinfluencers para incentivar o coñecemento dos programas europeos neste sector da poboación. Tamén está previsto un encontro coa Oficina do Parlamento Europeo en España denominado Ventana a Europa e os talleres formativos Hello, Europe!, que buscan incrementar a capacitación da mocidade en habilidades para a busca de oportunidades laborais e de formación na UE. Nestes primeiros meses, centraranse na carreira investigadora, na elaboración do CV Europass, na creación de cartas de presentación e nas habilidades dixitais.

A rede Europa no teu Concello ofrece, ademais das actividades de formación e de sensibilización europea, apoio aos concellos nas súas iniciativas locais e servizos de carácter xeral que inclúen a recepción dun expositor informativo, publicacións oficiais, materiais e newsletter semanal coas novidades de mobilidade para a xente moza, entre outros.

EUROPE DIRECT A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea da Deputación da Coruña, impulsou a posta en marcha desta iniciativa co obxectivo de descentralizar as actividades de información e sensibilización europea na provincia. A rede Europa no teu Concello suma xa 44 municipios da provincia da Coruña e a campaña de adhesión de concellos interesados na iniciativa continúa aberta. Poden poñerse en contacto a través do correo electrónico [email protected].

CONCELLOS PARTICIPANTES

Os concellos que participan nesta iniciativa son: A Baña, A Laracha, Abegondo, Ames, Ares, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Camariñas, Cambre, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Culleredo, Dodro, Dumbría, Fene, Frades, Lousame, Moeche, Mugardos, Narón, Negreira, Oroso, Paderne, Padrón, O Pino, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Rois, Sada, Santa Comba, Touro, Valdoviño, Vedra, Vilasantar, Vimianzo e Zas.