Luns. 29.04.2024

O Concello de Ferrol presentou a solicitude dunha subvención para o proxecto “Ferrol Emprega+”, que ofrecerá accións formativas que faciliten o acceso ao mercado laboral aos veciños e veciñas de Ferrol en situación de desemprego. Así o comunicou o tenente alcalde e concelleiro de Emprego, Javier Díaz, na comisión da área.

O proxecto englóbase no marco da formación para o emprego promovida polas entidades locais, para o seu financiamento mediante o Programa de Empleo, Educación, Formación e Economía Social do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) do período de programación 2021-2027. Así pois, a finalidade de ditas axudas é contribuír á mellora da empregabilidade e a formación a través de itinerarios de inserción laboral.

O proxecto “Ferrol Emprega+” terá capacidade formativa para 150 persoas en situación de desemprego, establecendo como colectivos prioritarios as paradas de longa duración, maiores de 45 anos, con discapacidade ou dependencia, migrantes, mulleres e persoas cunha situación socioeconómica de especial vulnerabilidade. O obxectivo é lograr a inserción laboral de polo menos o 30% do alumnado. O orzamento ascendería a 1.077.014,82 euros, pretendendo o cofinanciamento do FSE+ con 646.208,89 euros e unha achega municipal de 430.805,93 euros.

Neste sentido, a administración local deseñou “Ferrol Emprega+” tras analizar a situación sociolaboral do municipio e a comarca, valorando as necesidades de formación entre os colectivos máis apartados do mercado laboral. Así pois, determinouse un proxecto de actuación centrado en sete itinerarios de inserción, formación complementaria e unhas xornadas de activación e información en materia de emprego, que terán lugar entre 2024 e 2026.

No tocante aos distintos itinerarios, o Concello precisou atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais, soldadura oxigás e MIG/MAG, soldadura con electrodo revestido e TIG, limpeza de superficies e mobiliario en edificios locais, limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial e organización e xestión de almacéns.