Domingo. 28.04.2024

O pleno ordinario do Concello de Rois aprobou o orzamento municipal para este ano 2024 por valor de 4.728.000 euros, converténdose no maior da súa historia. O presuposto anual foi aprobado cos oito votos a favor do goberno do Partido Popular e a abstención dos dous concelleiros do PSdeG-PSOE, que solicitou información sobre varios puntos do documento. Así, a principal partida de gastos será destinada a manter os servizos á cidadanía, con 2,73 millóns de euros. Ademais, o concello contará con 2,5 millóns de euros en ingresos procedentes doutras administracións.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, resaltou o incremento do gasto en investimentos reais con respecto ao ano pasado. Parte deste aumento está motivado polos 100.000 euros que aportará o Concello para executar as obras de acondicionamento do PAI de Urdilde e da nova gardería municipal de Rois. Outros 45.000 euros están consignados para a mellora da piscina de Senra e para o pavillón de Urdilde.

Polo que respecta aos gastos en ben correntes e para afrontar os servizos que se prestan á cidadanía, o rexedor sinalou que esta partida aumenta polo incremento do custo de todos os servizos en xeral  e polo o aumento no número de usuarios nas actividades dirixidas ás persoas maiores e para facilitar a conciliación.

No tocante aos gastos de persoal, ascenden a 1,1 millóns de euros, mentres que as transferencias correntes acadan os 180.100 euros.

En canto o capítulo de ingresos, na partida de transferencias doutras administracións,  Tojo Lens resaltou o incremento da subvención que vai recibir o Concello da Xunta de Galicia para financiar o Servizo de Axuda no Fogar e os traballos preventivos contra os incendios. Dende o grupo socialista volveron preguntar cando se sacará a licitación o SAF, respondéndolle o alcalde que os técnicos están traballando para sacalo canto antes.

Ademais das transferencias correntes, que ascenden a máis de 2,5 millóns de euros, o Concello de Rois prevé ingresar 915 euros de impostos directos, 230.000 euros de impostos indirectos e 741.868 euros de taxas e outros. As transferencias de capital ascenden a 265.254 euros.

A maiores, a conta xeral de 2022 foi aprobada por unanimidade na mesma sesión ordinaria do pleno municipal.

No apartado de rogos e preguntas, Manuel Regueira, edil do PSdeG-PSOE, solicitou melloras no camiño de Ferreiros e na estrada de Leroño, e cuestionou que o servizo de madrugadores nos colexios públicos aínda non estea en marcha. Como resposta, a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, respondeu que aínda non iniciou este servizo debido ao reducido número de solicitudes por parte das familias.