Sábado. 27.07.2024

Por quinta vez Galicia reclamou, a través do BNG, “unha AP-9 galega e libre de peaxes”, cuxo debate foi aceptado polo Congreso. A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a ocasión para afearlle a PSOE e PP que leven anos “tomando decisións que favorecen a concesionaria da autoestrada e prexudican aos 22.000 galegos e galegas que cada día usan esta vía estratéxica”.

Galicia reclamou por primeira vez a transferencia libre de cargas da AP-9 en 2016, por segunda vez en 2017, por terceira en 2018 e por cuarta en 2021. Preguntou a dirixente nacionalista se esta vez será a definitiva ou “se van seguir burlándose da cidadanía galega”.

Non lle serve a Pontón o argumento de que non se pode facer a transferencia porque é unha vía con conexión internacional. Apuntou ao respecto que iso “é falso porque a conexión con Portugal é a través da autovía A-55, polo que estaría ben que os ministros de transporte tivesen claro este dato elemental”. En calquera caso, lembrou, o Estado transferiu autoestradas que si tiñan unha conexión internacional como, por exemplo, a Cataluña e a Euskadi.

Outro dos argumentos que desmontou foi o referido ao “inasumible” custe do traspaso para o Estado. Neste sentido fixo fincapé en que no seu día nin PP nin PSOE “tiveron problema en rescatar as radiais madrileñas con miles de millóns de euros”. Iso sí, engadiu, daquela a petición viña dos grandes poderes económicos.

A portavoz nacional do BNG pediu que se deixe de “discriminar” a Galicia, e lembrou as continuas ampliacións da concesión á devandita autoestrada. Tamén instou a aproveitar a oportunidade que supón o expediente de infracción aberto polo goberno comunitario en relación a esas prórrogas, porque non cumpre a lexislación europea. Ao xuízo de Pontón, “Europa está abrindo de par en par a porta ao rescate da AP-9. Crucen esa porta _pediulle aos deputados e deputadas_, e acaben dunha vez por todas cunha estafa legalizada”.