Sábado. 27.07.2024

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, reuniuse coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontenla, para presentarlle a súa proposta de bus lanzadeira, que cubriría os núcleos da Ramallosa, Cacheiras e Montouto e conectaría coa liña 6 de bus urbano, que chega ata o núcleo dos Tilos.

Así, ante a negativa do Concello de Santiago a ampliar dita liña en 2,5 quilómetros ata a rotonda do Gadis de Cacheiras, a rexedora teense levou ante a Xunta de Galicia a súa proposta dun servizo de bus lanzadeira, co fin de conectar coa capital galega a preto de 9.000 persoas que viven nas parroquias dos Tilos e na de Cacheiras, ademais da zona da Ramallosa, e que se desprazan principalmente por motivos laborais ou académicos. Ademais, segundo explicou a alcaldesa, o transbordo neste servizo co bus urbano sería gratuíto para todas as persoas usuarias.

Segundo o goberno teense, este bus lanzadeira melloraría as conexións co bus urbano, aliviaría o tráfico rodado cara a Santiago e reduciría as emisións contaminantes dos vehículos particulares, repercutindo positivamente tamén no medio ambiente. Neste sentido, estes obxectivos son os mesmos que os da proposta que a rexedora de Teo presentou á compostelá, Goretti Sanmartín, nunha reunión en agosto de 2023. Non obstante, a pesar dunha boa acollida inicial por parte de ambas administracións locais, finalmente o Concello de Santiago emitiu un informe negativo respecto á proposta de ampliar a liña 6 de bus urbano, salientando as desvantaxes por riba dos pros.

Pola súa banda, a directora xeral de Mobilidade deu o seu visto bo para analizar esa proposta, enmarcada dentro do convenio de colaboración entre o Concello de Teo e a Xunta de Galicia xa que se presta un servizo de interese municipal, e salientou que as novas demandas serían estudadas na máxima brevidade posible, coa fin de poder implementar dito servizo nun prazo curto de tempo.