Venres. 29.03.2024

É a primeira vez que se presenta como cabeza de lista dos socialistas de Ordes, como afronta o reto?

Con ilusión e sabendo que non é unha tarefa doada. Nas anteriores eleccións fomos o partido que acadou menor representación así que esperamos acadar os resultados que o PSdG ten noutros concellos e brindarlle a Ordes un goberno progresista. Son grandes aspiracións pero imos loitar por iso tanto eu como as compañeiras e os compañeiros que me acompañan na candidatura así como as persoas que nos apoian en non figuran nesa lista. 

Son grandes as aspiracións pero imos loitar por elas, tanto eu como as compañeiras e os compañeiros que me acompañan na candidatura

¿Cales son as principais eivas que lle ve ao goberno actual?

O goberno local demostrou verdadeira incapacidade para levar a cabo as súas mesmas propostas e moito menos executar outras que se lle achegaron tanto por parte do grupo socialista coma dos restantes grupos da corporación. Aos inicios do mandato 2015, o PP prometía a execución dunha nova escola infantil pública, impulsar a celebración dun feirón durante as fins de semana, dotar ao centro de saúde de diagnóstico por imaxe ou, inclusive, facer un centro de maiores. Argumentaron a falta de maioría absoluta como principal traba para levar a cabo o seu proxecto pero hoxe mesmo podemos ver como, cun total de 9 concelleiros e un suposto saneamento de contas, se atopan sumidos nunha total deixadez. A perda de postos de traballo e o desmantelamento de servizos fan que Ordes xa non lidere a actividade comercial e industrial da comarca e vexamos unha clara tendencia ao despoboamento. Non se atrae industria coma nos concellos da contorna e pensan en facer un novo polígono industrial sen ocupar o existente. Ademais, a falta de mantemento do noso patrimonio por parte do PP é lamentable. Un exemplo é o paseo Ramiro Recouso Liste. Gobernar tamén consiste en conservar, da mellor maneira posible, os avances acadados. Isto constitúe unha mostra indiscutible de respeto polo traballo e esforzo dos demais.

Que sería o primeiro que faría se o 28M é elixida alcaldesa de Ordes? Escoitar aos demais grupos políticos e chegar a acordos para desenvolver parte dos seus programas posto que todos teñen puntos positivos. Nesta lexislatura botamos en falta diálogo, ferramenta imprescindible para gobernar axeitadamente.

A perda de postos de traballo e o desmantelamento de servizos fan que Ordes xa non lidere a actividade comercial e industrial da comarca

¿Apoiou máis a deputación a Ordes?

As axudas da Deputación foron cuantiosas e vimos un incremento notable con respecto a outros anos. Foron moi necesarias na pandemia e, por primeira vez, a Deputación achegou axudas para o fomento de emprego directo a través da creación do programa PEL. Moitas obras que se levan a cabo no concello son realizadas con cartos que aporta a Deputación, sen esquecer o financiamiento a través do Plan provincial de Obras e Servizos de competencia municipal.

¿Cómo está a asistencia sanitaria en Ordes?

O colapso do sistema sanitario galego é un feito e Ordes non ía ser a excepción. O centro de saúde traballa con escasos recursos humanos e xera, como consecuencia, longas listas de agarda, merma na calidade asistencial e desgaste do persoal sanitario. Durante algunhas época do ano, acadar unha consulta é un verdadeiro reto para os veciños e veciñas de Ordes. Ademais, as instalacións non son axeitadas para levar a cabo certas intervencións coma no caso das terapias grupais. Dende a agrupación socialista levamos anos demandando a existencia dun/dunha pediatra de garda, un especialista en xinecoloxía, servizo de radioloxía e un heliporto que permita diminuír os tempos de atención en casos de urxencia. Lamentablemente temos que seguir insistindo nestas cuestións. 

O colapso do sistema sanitario galego é un feito e Ordes non ía ser a excepción

¿Qué melloraría en materia de política social? 

A igualdade é un reto que forma parte do noso proxecto político. Melloraríamos a accesibilidade física, sensorial e cognitiva dos espazos públicos, brindaríamos maior cobertura ás vítimas de violencia de xénero e dotaríamos de maior formación aos adolescentes en materia de cambio de xénero, identidade sexual e orientación sexual. Tamén aumentaríamos os recursos para o atendemento das persoas con dependencia, a terceira idade e a infancia. Non debemos esquecer que o coidado de dependentes é unha tarefa que recae maioritariamente sobre as mulleres deste pobo polo que é prioritario auxilialas e facer que a situación revirta aínda que supoño que é un obxetivo a longo prazo. Por outra banda, é preciso citar o servizo de atención temperá. O servizo, aínda que mancomunado, debería de dotarse de máis perfís profesionais para dar resposta ao conxunto de necesidades dos nosos cativos e cativas. Na actualidade conta con tres logopedas, unha pedagoga e unha psicopedagoga. Sería oportuno dispoñer de terapia ocupacional e fisioterapia xa que moitas familias deben desprazarse a Santiago de Compostela para recibir este tipo de intervencións.

Concepción Berdomás García,
Concepción Berdomás García,

¿En deportes e cultura ten algunha iniciativa que lle gustaría poñer en marcha? 

Cultura e deporte son uns piares fundamentais da nosa sociedade, indispensables nun Estado do Benestar para o desenvolvemento pleno dunha cidadanía democrática, para a convivencia das xentes e os pobos. Por iso, apostamos por unha cultura para todos con espectáculos de rúa, actividades abertas co obxectivo de que sexa accesible e que chegue a todos os colectivos con programacións orientadas e pensadas para a infancia, xunventude e para os nosos maiores. Queremos potenciar unha axenda cultural municipal apostando por eventos que teñan continuidade no tempo, fomentar o tecido sociocultural, así como a coxestión de espazos municipais con asociacións culturais e colectivos de artistas para o desenvolvemento das súas actividades formativas ou de creación. En Ordes hai moito talento e pouco sitio onde desenvolver actividades. Por outra banda, para os socialistas o deporte é un espazo de encontro e sen barreiras. Unha práctica que ademais de ser divertida e saudable, ten que favorecer o respecto, a diversidade e a convivencia de todos e todas E preciso reforzar o deporte de base, o deporte para todos e todas, sen exclusións e sen discriminacións de ningún tipo. Pero non quedamos aí, queremos apoiar ao deporte profesional e clubs deportivos existentes xa que pasean o nome da vila e son elementos promocionais de primeiro nivel. 

E preciso reforzar o deporte de base, o deporte para todos e todas, sen exclusións e sen discriminacións de ningún tipo

¿Cal pode ser unha boa acción para asentar poboación nos concellos rurais de Galicia?

 A principal medida para asentar poboación é a creación de emprego. Ademais, débese velar polo achegamento de servizos ao rural que permitan a igualdade de oportunidades e xeren un espazo idóneo para a conciliación de vida laboral e familiar. Mellorar as redes de transporte, o acceso ao ocio e á cultura é chave para potenciar o asentamento de poboación. No caso de Ordes, lonxe disto, estamos vendo un desmantelamento progresivo do rural. Temos como meros exemplos o peche da oficina de Abanca sita no Mesón do Vento, a escasa dinamización dos locais sociais ou a supresión de escolas unitarias. 

¿Como valora o traballo do actual equipo de goberno durante estes últimos anos? 

Pois cun suspenso. Agora ten que decidir o pobo. Son as cidadáns e os cidadás os e as que teñen que valorar como se xestionou Ordes nos últimos 8 anos.