Venres. 29.03.2024

O mundo do fútbol está de loito. Arsenio Iglesias (24 de decembro de 1930) faleceu este 5 de maio aos 92 anos de idade. O Bruxo de Arteixo para uns, o Zorro de Arteixo para outros, máis para todos un futbolista e un adestrador querido tanto fóra como dentro do terreo de xogo, foi o artífice e o arquitecto do Superdépor dos anos 90.

Un equipo blanquiazul que conseguiu, baixo as súas ordes, dous subcampionatos de Liga, unha Copa do Rei (1995) e unha Supercopa (1995), e que asombrou non só na Liga española senón tamén en Europa cunha formación de lenda con xogadores como Liaño, Donato, Bebeto, Mauro Silva, Fran.., e que foron o xerme da formación, xa sen Arsenio, que gañaría unha Liga, outra Copa do Rei e dúas Supercopas nos anos 2000.

A carreira deportiva do Bruxo, que sempre espertaba empatía alá por onde ía, grazas ao seu carácter bonachón e humilde, comezou como dianteiro no Deportivo nos primeiros anos 50, e debutou ante o Barcelona en Primeira División perdendo o encontro, máis anotando un gol para o equipo blanquiazul. Foi xogador ademais, na máxima categoría, do Sevilla, Granada e Oviedo, conxunto no que se retiraría no ano 1965 do mesmo xeito que na súa estrea, marcando un gol, nesta ocasión ante o Athletic Club.

O seu paso ao banco, cinco anos despois, tamén arrincou no equipo da súa vida, o Deportivo. E non puido comezar da mellor maneira posible, acadando o ascenso dos blanquiazuis a Primeira División no 1970. Durante varias tempadas, Arsenio dirixiu e conseguiu ascender a equipos como o Hércules ou o Zaragoza. E antes de retornar ao Deportivo, o Bruxo adestrou ao Burgos.

De volta na súa casa, Arsenio facía historia de novo, subindo por segunda vez ao equipo á Primeira División, gañanado a primeira Copa do Rei dos herculinos, unha Supercopa e dous subcampionatos. Nese momento nacía o Superdépor, un equipo de lenda e que foi o xerme dunha formación incríble que culminaría o traballo de Arsenio Iglesias nos anos 2000.

Tras deixar o Deportivo, Arsenio tivo un paso fugaz polo Real Madrid, equipo que dirixiu no canto do cesado Jorge Valdano no ano 1996. A carreira de adestrador do Bruxo de Arteixo rematou como seleccionador de Galicia, xunto a Fernando Vázquez (2005-2008).

A capela ardente de Arsenio Iglesias instalarase no estadio de Riazor, e abrirá as súas portas ás 8:00 horas de mañá sábado 6 de maio, e ata a cal se poderán achegar todas as persoas que queiran dar o seu último adeus a un dos persoeiros máis emblemáticas do fútbol galego, español e mundial e que deixou unha fonda pegada en todos os galegos.