Venres. 26.04.2024

A irrupción do ChatGPT, ferramenta de intelixencia artificial que é capaz de realizar, por exemplo, as tarefas dos estudantes, está a xerar moita controversia no eido educativo. Por este motivo o centro de formación PREMIR organizou un encontro, o pasado 24 de abril, no que participaron profesores, pedagogos e directores de toda a comunidade para falar sobre esta ferramenta tan polémica e innovadora.

“ChatGPT chegou para quedar e debemos integralo na aula igual que fixemos coas calculadoras ou con Google”, con esta mensaxe tan contundente docentes de Infantil, Primaria, ESO e Bacherelato abriron ás súas portas á intelixencia artificial no think tank educativo celebrado na Coruña, no que tamén advertiron que esta ferramenta pode presentar moitos perigos se non se usa de xeito adecuado.

“O que primeiramente ía ser un pequeno encontro entre docentes preocupados pola irrupción do ChatGPT na aula, reuniu ao final a máis dun cento de profesores, pedagogos e directores, o que é unha mostra máis do enorme interese que suscita este tema”, indicou Antonio Reyes, promotor do debate.

Fernando Garea, director do colexio Fogar de Carballo e docente con máis de 35 anos de experiencia, asegurou que “do mesmo xeito que non desapareceron os profesores, como vaticinouse coa chegada das calculadoras ou das tablets, acontecerá o mesmo coa intelixencia artificial, e como docente tan só temos o reto de usar esta ferramenta racionalmente”.

ACTIVIDADES MECÁNICAS
Víctor Fernández, coordinador de TICS e Edixgal no seu centro educativo, foi máis aló e dixo que “as actividades mecánicas de toda a vida estaban moribundas e agora morreron directamente”, por iso defende que “hai que cambiar estas actividades”. Neste sentido, Antonio Reyes asegurou que “a integración de ChatGPT nas aulas pode ser unha ferramenta efectiva para reducir a aprendizaxe mecánica e fomentar a creatividade nos procesos da ensinanza”.