Sábado. 27.07.2024

Aberto na plataforma de contratación do sector público o proceso de licitación das obras de humanización da rúa Compostela e doutras intervencións en diversos puntos do municipio. Dende a páxina web do Concello de Ordes (perfil do contratante) xa se poden consultar as condicións. O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 20 de xuño. Trátase dun proxecto conxunto cun orzamento que ascende a un total de 320.717,60 euros, cantidade que será sufragada con parte do remanente de Tesourería do ano 2021.

En termos xerais, na céntrica rúa Compostela, tramo que conflúe coa N-550 e a rúa Mercado, ademais da reordenación do espazo tamén se contempla a renovación dos pavimentos e a canalización dos servizos de abastecemento, saneamento de fecais e pluviais, así como a intervención na rede de iluminación pública. Para isto será preciso a demolición de 965 m² (635 m² de firme de viario e 330 m² de beirarrúas) e o levantamento de 255 metros de bordo.

Para mellorar a rede de saneamento canalizaranse máis de 130 metros de tubos de PVC de distintos diámetros, ademais da instalación de 4 pozos de rexistro e 14 arquetas de saneamento. No caso das pluviais canalizaranse máis de 170 metros de tubaxe de diámetros diferentes, instalaranse 5 pozos de rexistro, 14 arquetas de saneamento e unha canle de 4 metros con reixa. Por último, a rede de saneamento contará con máis de 230 metros de tubaxe nova, 4 válvulas de comporta, 14 arquetas e 2 bocas de rega. Para o sistema de iluminación soterraranse 125 metros de tubaxe e colocaranse 3 arquetas.